Noticias

O IES Pazo da Mercé das Neves acollerá este xoves a mostra integradora da Deputación "Sorrisos transformadores"

Ademais da visita guiada haberá unha charla-coloquio impartida por Cristina Palacios, presidenta de ARELAS


14 xaneiro 2020
Sorrisos Transformadores

A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans* de Galicia (ARELAS) levan este xoves ás Neves a exposición "Sorrisos transformadores", o proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI. A exhibición, que pode visitarse no IES Pazo da Mercé, inaugurarase cunha visita guiada e unha charla de Cristina Palacios, presidenta de ARELAS. Palacios afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir. A cita terá lugar, ás 12 horas. Pola súa banda, a exposición poderá visitarse ata o día 21 e unha vez finalizada trasladarase ao concello de Redondela.

"Sorrisos transformadores" é unha mostra itinerante que acaba de percorrer varios concellos de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago. A exposición consta de 10 fotografías de Noemí Chantada nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a seu entorno. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

A finalidade de "Sorrisos transformadores" é a de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.