Noticias

O IES Chano Piñeiro de Forcarei rematou un novo mural do programa da Deputación de Pontevedra "DepoRúARTE" 2018

O alumnado de 1º de Bacharelato que cursa Debuxo Artístico escolleu como tema central do seu proxecto o cine en galego a través da figura de Chano Piñeiro


22 outubro 2018
DepoRúarte

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudiu esta mañá á presentación do mural elaborado polo profesorado e alumnado do IES Chano Piñeiro (Forcarei), no patio interior do centro, no marco do proxecto "DepoRúARTE. Pintando alternativas". O tema elixido para a intervención artística foi o cine en galego por medio da figura de Chano Piñeiro.

O mural foi realizado por 19 alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato que cursan a especialidade de Debuxo Artístico, realizado en colaboración coa artista Noemí Núñez. Escolleron o tema en honor a Chano Piñeiro, o director natural de Forcarei que dá nome ao instituto, e á súa loita en favor do cine galego, sendo este o eixo central da composición artística realizada. A composición encáixase dentro dunha árbore, en representación da vida do cine, onde as cores simbolizan os diferentes momentos que vive o cine en Galicia. Incorporaron ademais unha frase do propio Chano Piñeiro "facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario".

Esta iniciativa de hoxe en Forcarei forma parte do programa "DepoRúARTE. Pintando alternativas", que arrancou a súa terceira edición en maio pasado e xa pasou polo IES Barral de Ponteareas, o IES María Soliño de Cangas e o IES de Meaño. Está destinado á mocidade e o obxectivo deste ano é educar na arte urbana á xente máis nova, para que poidan diferenciar entre o que é a arte, que está a deixar unha pegada significativa en cidades como Lisboa, Bristol, Lyon ou Nova York, e o que é o vandalismo urbano.

Máis polo miúdo, participan en "DepoRúARTE" 2018 un total de 10 centros educativos da provincia. Xunto ao IES Chano Piñeiro de Forcarei, o IES de Meaño, o IES Barral e o IES Mariña Soliño, tamén están o IES Pazo da Mercé (As Neves), IES de Barro (Barro), CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), IES Auga da Laxe (Gondomar), IES Laxeiro (Lalín), IES de Meaño (Meaño) e o IES Ribeira do Louro (O Porriño).

En cada un dos centros, previamente á realización dos murais, lévanse a cabo varias sesións formativas de debate e reflexión, coordinadas polo equipo de traballo en colaboración coas persoas traballadoras dos centros, co obxectivo de ofrecer ao alumnado participante unha formación básica que dote de recursos para identificar e analizar problemáticas sociais co fin de afondar no papel da arte urbana como ferramenta de cambio.

Posteriormente, realízase unha xornada de preparación da superficie a intervir no centro escolar (por parte do equipo de traballo), unha xornada de intervención colaborativa na que as alumnas e alumnos pintan a superficie escollida xunto ao equipo de traballo, e finalmente, o equipo de traballo emprega as xornadas que resulten necesarias para que o mural quede debidamente rematado.