Noticias

O IDAE revalida a aposta da Deputación de Pontevedra polo uso da biomasa cunha nova achega de case 400.000 euros que chegará a outros seis concellos

Os fondos europeos empregaranse esta vez para mellorar instalacións térmicas municipais de Portas, Vilaboa, Cangas, Redondela, Tomiño e A Cañiza


20 setembro 2021
Rolda de prensa da Presidenta

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, confirmou hoxe que a institución acaba de recibir unha nova achega do IDAE de 387.900 euros para que Portas, Vilaboa, Cangas, Redondela, Tomiño e A Cañiza poidan contar con novas instalacións para o uso térmico en infraestruturas municipais. Deste xeito, estes seis concellos poderán substituír o sistema que empregan na actualidade por caldeiras de biomasa. Con esta subvención, "Europa volve a revalidar os proxectos da Deputación, que aposta pola sostibilidade dos edificios públicos no mundo local".

Este tipo de caldeiras é un sistema de calefacción eficiente que ofrece múltiples beneficios ao ser unha fonte de enerxía inesgotable que produce niveis moi baixos de contaminación ambiental e axuda a diminuír a dependencia dos combustibles fósiles. O seu emprego tamén colabora na limpeza dos montes ao empregarse material orgánico para poder facer este tipo de calefacción, o que reduce o risco de incendios. Este sistema, apuntou a presidenta, tamén ten outros beneficios como reutilizar os residuos industriais e, ademais, emprega a alta tecnoloxía "polo que tamén é un referente en avances tecnolóxicos".

En concreto Portas (preto de 95.000 €) realizará actuacións no albergue, no campo de fútbol e no pavillón municipal, Vilaboa (cerca 32.000 €) na casa do concello, e Cangas (case 90.000 €) na pista de atletismo e no pavillón municipal. Redondela (preto de 90.000 €) tamén actuará no pavillón municipal así como na casa da cultura e Tomiño (32.000 €) contará con caldeiras de biomasa nos edificios de benestar social e policía. Pola súa banda, A Cañiza (50.000 €) empregará esta subvención para substituír os radiadores eléctricos de 15 edificios municipais –como centros culturais, tanatorios ou unha biblioteca– por estufas de granulado de madeira. Ademais, todas as instalación disporán de sistema de telexestión e adaptaranse as salas de máquinas existentes.

No que vai de ano o IDAE leva xa concedidos á Deputación 6,2 millóns de euros destinados a proxectos en 29 concellos e a unha entidade local menor. Estes fondos están a servir para mellorar a iluminación exterior cara un modelo máis sostible de eficiencia enerxética e para mellorar as infraestruturas da provincia e reducir a pegada de carbono. A estes fondos súmaselle agora a nova concesións para as instalacións de uso térmico da biomasa en infraestruturas municipais.

Audios

  • Audio
    Rolda de prensa da Presidenta