Noticias

O Hábitat Xogable nas cidades, tema central do vindeiro seminario da Facultade Ágora

O pedagogo Francesco Tonucci, a xeógrafa Marta Román, o pediatra Juan Gil, a antropóloga María Masaguer e o arquitecto Martín Barreiro integrarán o corpo docente deste venres


29 setembro 2021
Facultade Ágora

O papel da infancia no espazo público e a importancia de considerar o xogo libre como indicador de calidade en vilas e cidades serán dous aspectos que se abordarán este venres nun novo seminario da Facultade Ágora titulado O Hábitat Xogable. De maneira mixta, presencial e en liña, persoal político e técnico da provincia escoitarán os relatorios do pedagogo Francesco Tonucci, a xeógrafa Marta Román, o pediatra Juan Gil, a antropóloga María Masaguer e o arquitecto Martín Barreiro.

Con esta nova xornada da Facultade Ágora continuarase o módulo ‘O medio habitable' que hai dúas semanas tivo como protagonistas a especialistas sobre o medio urbano e a saúde da poboación, entre eles a directora de Saúde Pública da OMS, María Neira, quen destacou como deseños urbanos que fomentan a mobilidade natural e restrinxen os desprazamentos a motor inciden positivamente na vida da veciñanza.

Este venres darase un paso máis para falar da necesidade de converter as cidades en hábitats adecuados para o desenvolvemento das persoas, fundamentalmente desde o punto de vista social e en concreto desde a perspectiva da infancia. Un dos temas que se porá sobre a mesa será como a recuperación do espazo en contornos escolares é precisa para que nenas e nenos poidan desenvolverse con autonomía, mais só como un primeiro paso, sendo o obxectivo final que vilas e cidades estean adaptadas na súa globalidade, superando os corredores ou camiños escolares.

Entre o cadro de persoal do profesorado estará en conexión en liña o pensador, psicopedagogo e debuxante italiano xa ben coñecido na cidade de Pontevedra, Francesco Tonucci, que é investigador asociado do Instituto de Ciencias e Tecnoloxías da Cognición do Consello Nacional de Investigación (CNR) de Italia e responsable do proxecto internacional ‘A cidade das nenas e dos nenos'.

Outra das profesoras da xornada, que estará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra de maneira presencial, será Marta Román, xeógrafa que traballa como consultora en Gea21, experta en integrar a perspectiva de xénero e xeración no urbanismo, e autora de numerosos artigos e de varios libros de referencia relacionados coa situación da infancia no espazo urbano.

Tamén achegará a súa visión das cidades o pediatra Juan Gil Arrones, que é o secretario da Sociedade Española de Pediatría Social, e membro de numerosos grupos de traballo para o benestar da infancia, entre eles o Grupo Motor de "REDE SABIA" promovido polo Observatorio de Infancia en Andalucía, a Escola Andaluza de Saúde Pública e a Consellería de Saúde.

Finalmente, María Masaguer Otero e Martín Barreiro achegarán solucións de recuperación de espazos, novas formas de habitar, desprazarse e usar o territorio pola infancia postas en práctica na provincia de Pontevedra.

María Masaguer é historiadora-antropóloga, máster en Facilitación da Aprendizaxe e a Innovación e Martín Barreiro é arquitecto-urbanista, doutor en Goberno e Proxecto do Territorio. En 2014 crearon o laboratorio de urbanismo Estudo Rurban coa intención de poñer en práctica unha forma artesanal de facer urbanismo que lles vinculou a diferentes proxectos desde a escala estratéxica á proxectual. Na actualidade o arquitecto incorporouse ao equipo do Departamento de Espazo Público e Mobilidade da Deputación de Pontevedra, e Masaguer traballa en proxectos de investigación do CSIC–Consello Superior de Investigacións Científicas) e procesos de innovación organizacional e cultural (Teamlabs e  BenCuriosa).

A Facultade Ágora é unha iniciativa formativa posta en marcha polo Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra co fin de facilitar o coñecemento das últimas innovacións e investigacións en materia de mobilidade e espazos públicos a persoal político e técnico dos concellos da provincia, persoas con máxima decisión sobre o deseño do espazo público para mellorar a vida da veciñanza.

No curso están inscritas máis de 200 persoas que desde o mes de abril recibiron formación sobre ‘O espazo público como dereito', ‘A cidade dos 15 minutos no territorio disperso', ‘Espazos amables, seguros e inclusivos', ‘As persoas primeiro', ‘O tráfico necesario' e ‘Mobilidades alternativas', ademais de sobre ‘Hábitat saudable e biodiverso'.