Noticias

O Grupo Froiz e EDF Solar formalizan a adquisición das súas parcelas no polígono industrial de Barro

Máis dun 67 % do parque empresarial impulsado pola Deputación de Pontevedra xa está ocupado


20 decembro 2020
Firma adquisición parcelas polígono de Barro

Os grupos empresariais Distribucións Froiz e EDF Solar xa son titulares, a tódolos efectos, das súas parcelas no polígono de Barro. Os seus responsables formalizaron a adquisición dos terreos en Notaría, consolidando así os proxectos emprendidos tempo atrás coa reserva dos terreos e a construción das súas respectivas instalacións.

O deputado de Réxime Interior, Carlos López Font, asinou as escrituras de compravenda cos representantes de ámbalas dúas empresas. Deste xeito, Froiz pasa a ser titular de dúas parcelas agrupadas, con superficies de 44.826,93 metros cadrados e 27.847,82 metros cadrados respectivamente, reservadas no ano 2016 e sobre as que agora exercía "dereito de superficie". EDF (Energía, Innovación y Desarrollo Fotovoltaico) pasa a ser titular, pola súa banda, dunha parcela de 2.736,95 metros cadrados.

O polígono de Barro consolida así o crecemento que xa supuxo a chegada de Mafari Café e Panaderías Acuña, sumándose así a firmas como Frutas Moncho, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalén, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Transfrío Rías Baixas SL ou Artesa Rías Baixas.

A día de hoxe o índice de ocupación é do 67,33 % da superficie total do polígono, que conta con 258.436 metros cadrados. Van xa 48 parcelas vendidas, cunha superficie de 174.020,58 metros cadrados onde están a traballar 24 empresas. Restan outras 26 parcelas por vender, que supoñen 83.916,39 metros cadrados.

Fotos