Noticias

O Grove transforma a súa fachada litoral co esperado desdobramento da avenida de Beiramar que facilitará novas actuacións no centro urbano

Carmela Silva: "O Grove leva apostando desde o 2015 por unha mobilidade do século XXI, e este é un modelo a exportar. Este concello e esta provincia, en só cinco anos, non hai quen a recoñeza. E non é palabrería; hai que vir, observar e comparar"


31 marzo 2021
Desdobramento da avenida Beiramar

O Concello do Grove acaba de dar un paso de xigante na transformación da súa fisionomía urbana coas obras desdobramento da avenida de Beiramar, que converteu este viario da fachada litoral nunha semicircunvalación de dobre sentido de entrada e saída do municipio, e que favorecerán o desenvolvemento de actuacións de reordenación no centro. Na estrea desta infraestrutura, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde do Grove, José Cacabelos –xunto ao deputado de Mobilidade, Gregorio Agís, a deputada Noemí Outeda e representantes da Corporación local– destacaron a importancia da actuación para mellorar a mobilidade e seguridade viaria, así como para favorecer a continuación do plan de peonalizacións e humanizacións que leva a cabo o Concello ao abeiro do seu PMUS.

"Isto é unha cacho obra, moi relevante para O Grove", sinalou Carmela Silva, ao falar do proxecto desenvolvido nun treito dun quilómetro entre a estación de autobuses e a glorieta da rúa Castelao e que consistiu esencialmente no desdobramento en dous carrís deste viario, así como a ampliación das beirarrúas e a renovación de servizos. A presidenta provincial a cualificou de "espectacular" e "transformadora": "É o que temos que facer os que gobernamos: transformar para mellorar a vida da xente". Carmela Silva felicitou ao Goberno do Grove "que leva anos, como a propia institución provincial, apostando polo modelo de mobilidade segura e amable". "Este concello e esta provincia, en só cinco anos, non hai quen a recoñeza. E non é palabrería; simplemente  hai que vir, observar e comparar. E está claro, o cambio é transcendental, absolutamente transformador". A presidenta da Deputación insistiu en que "os coches teñen que circular, pero a xente é o primeiro. O Grove é un dos concellos que antes optou por este modelo e quero facerlle un recoñecemento público porque somos unha gran referencia en Galicia e no Estado, xa que temos un modelo moi claro que seria imposible levar a cabo se non houbera unha confluencia entre o modelo que defende a Deputación, o que defenden moitos concellos e o que defende este concello". "O cambio –engadiu– sempre xera algunhas complicacións, pero cando a xente ve o que había antes e o que hai agora, a xente quere o de agora, porque é un modelo axeitado e necesario"

o alcalde José Cacabelos, destacou que esta actuación é "un punto de inflexión como antes o foi a reforma da rúa Castelao ou Alexandre Bóveda" e "vai marcar un antes e un despois na mobilidade e no desenvolvemento do casco urbano deste concello", ademais de destacala como un exemplo "do que significa a colaboración entre administracións, cando se colabora en positivo na mesma dirección". Máis polo miúdo, puntualizou que a de Beiramar, "é unha peza máis no puzzle da mobilidade" que está a levar a cabo o Goberno municipal, destinado a "acadar o obxectivo dunha vila amable que pense nas persoas e nas bicicletas e deixe nun lugar máis marxinal aos vehículos".

Explicou Cacabelos que este proxecto, cun investimento de máis de 600.000 euros, 105.000 foron financiados co Plan Concellos, "marca o futuro da vila" e permitiu desdobrar a avenida en dous carrís "e crear unha beirarrúa que aquí ten catro metros cando antes había treitos de 80 centímetros nos que a xente non podía camiñar". "Ademais –engadiu– é un proxecto que integra unha actividade fundamental no Grove como é a hostalería e a combina coa peonalización e a seguridade viaria". A obra completouse coa renovación dos servizos de saneamento, abastecemento e iluminación, así como a canalización dos de telecomunicacións, ao fin de garantir a sustentabilidade, "porque no Grove somos salitre e a salitre vén do mar".

Tanto a presidenta como o alcalde do Grove lamentaron que este esforzo inversor da Deputación non se vexa acompañado pola colaboración da Administración autonómica. "A política –sinalou Carmela Silva–- ten que servir para facer reflexionar a outros que non actúan igual que nós. A Deputación actúa en toda a provincia ao marxe de quen goberne, porque nós gobernamos para a veciñanza e non para o noso partido. E reclamo desde aquí que outras administracións, particularmente a autonómica, tome nota deste modelo de acción, de acordo e de colaboración, porque o que melloramos e a provincia e Galicia". Pola súa banda, o alcalde sinalou que "O Grove pertence á provincia, pero parece que non a Galicia, por iso a Xunta nunca inviste no Grove. Os mecos e as mecas tamén somos galegos e o señor Feijoo, vostede non goberna para todos os galegos e galegas". Aínda así, anunciou que o Concello "seguirá actuando" para completar o seu plan de transformación sostible. "Confío e sei que vai estar a Deputación, e solicito o mesmo que se está a facer noutras vilas por parte da Xunta, porque necesitamos seguir mellorando". "Estes proxectos –concluíu– cambian a vila, O Salnés e a provincia. E confiamos en que algún día cambien tamén Galicia". Desde o 2015 a Deputación de Pontevedra leva investidos 10 millóns no Grove e, como destacou José Antonio Cacabelos "sen eles estariamos agora igual que no 2014". "Ninguén vai poder negar na provincia o compromiso desta Deputación".

Fotos

Vídeos