Noticias

O Grove contará na Festa do Marisco co material das campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra

A institución provincial achegará adhesivos cos lemas "Lembra, eu decido, ti respectas" e "Conta comigo. Eu respéctote" e guías para mozas e mozos


04 outubro 2018
Eu decido ti respectas

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, está a colaborar co Concello do Grove poñendo a súa disposición o material das campañas de "Conta comigo. Eu respéctote" e "Lembra, eu decido, ti respectas" para difundilo na oficina de información turística e nos postos de venda de tíckets e produtos da Festa do Marisco. A institución provincial achegará ao evento, que se celebra entre hoxe e o 14 de outubro, guías e adhesivos cos lemas da campaña.

O material destas dúas campañas dos #RíasBaixasFests, que pode ser utilizado por todos os concellos que así o soliciten á Deputación, xa chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Pontecaldelas, Lalín e Vilaboa este verán. Esta iniciativa de éxito púxose en marcha co obxectivo de concienciar en materia de igualdade ás e aos asistentes dos festivais da Deputación.

"Lembra, eu decido, ti respectas" iniciouse o pasado verán e vai dirixida tanto a mozas como a mozos. Con ela repártese material explicativo no que se mostra con claridade os límites nas relacións e danse a coñecer este tipo de agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Pola súa banda, a campaña "Conta Comigo. Eu respéctote" foi a gran novidade deste verán e está especialmente dirixida aos mozos. Con ela preténdese que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

Estas campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra, cuxo material está agora dispoñible para os concellos, atenderon a máis de 8.000 persoas durante os #RíasBaixasFests.