Noticias

O Grove acolle este xoves unha charla sobre seguridade para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra

A conferencia será impartida por persoal da Garda Civil e tamén contará coa colaboración da Asociación de Xubilados e Pensionistas da vila


08 maio 2019
Teleasistencia domiciliaria

O Centro Social da Terceira Idade do Grove acollerá este xoves 9 de maio, ás 18 horas, unha charla do Plan Maior de Seguridade dirixida a persoas usuarias e acompañantes do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra dos concellos do Grove e de Sanxenxo. O relatorio, que será impartido por persoal da Comandancia da Garda Civil do Grove e conta coa colaboración da Asociación de Xubilados e Pensionistas, ten por obxectivo describir técnicas que permitan, ás persoas maiores, vivir máis seguras nos seus domicilios e fóra deles.

A actividade vai encamiñada a cumprir cos obxectivos que aparecen recollidos no Plan Maior de Seguridade, e entre os que se encontra a prevención de ameazas como roubos, maltrato, furtos ou estafas das que poidan ser vítimas as persoas maiores e o fomento da coordinación e a comunicación das institucións públicas e privadas que velen polo benestar deste colectivo. Así mesmo, perfeccionar a resposta policial na súa actuación coas persoas maiores, entre outros.

Esta iniciativa está encadrada no programa de actividades do servizo de teleasistencia da Deputación que, na actualidade, atende a un total de 582 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite, a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional, manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.

O servizo de teleasistencia domiciliaria como fórmula para manter a calidade de vida das persoas maiores, é unha iniciativa importante, especialmente, nas zonas rurais máis illadas, xa que permite ás persoas usuarias estar conectadas permanentemente cos servizos sociais e de saúde. Para os casos de especial vulnerabilidade, o servizo dispón de Unidades de Control Remoto, con detector de movemento, que envía unha alarma no caso de que non detecte movemento da persoa usuaria en doce horas.