Noticias

O Goberno provincial aproba preto dun millón de euros da liña 2 do Plan Concellos para actividades municipais, pagamento de débedas e gasto corrente

"Son partidas que permiten aos concellos seguir adiante e pór en marcha actividades para mellorar a calidade de vida da veciñanza, como actos culturais, eventos turísticos e deportivos ou obradoiros educativos"


03 febreiro 2019
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de darlle o visto bo á primeira concesión de subvencións do Plan Concellos 2019 correspondentes á Liña 2 para amortizacións, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades, por valor de case 1 millón de euros. "Seguimos aprobando medidas que permiten aos concellos seguir adiante e pór en marcha actividades básicas para mellorar a calidade de vida da veciñanza, como poden ser programacións culturais, eventos turísticos e deportivos ou obradoiros educativos", explicou a presidenta provincial Carmela Silva.

Son 22 concellos os primeiros beneficiarios destas partidas da Liña 2 do Plan Co0ncellos 2019: Agolada, Bueu, Cambados, A Cañiza, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, Lalín, A Lama, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Portas, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Silleda e Vilagarcía de Arousa. En concreto, trátase de subvencións por un valor total de 972.436,85 euros. Permitiránlles aos municipios custear os gastos de amortización de débedas e gastos correntes, así como actividades municipais, tales como programacións culturais, obradoiros, actuacións musicais, festas e feiras ou actividades deportivas e educativas.

Máis polo miúdo, na comarca do Deza, Agolada recibirá unha partida de 2.000 euros para o Campus infantil e a liga de fútbol 7. Silleda contará con 71.127 euros para a recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e gasto corrente novo. Por un total de 101.643,64 euros, Lalín vaise beneficiar de achegas para financiar a XIV Bienal de Lalín, os campamentos deportivos de verán, o Orgullo 2019, o Festival Lusco&Fusco, o Certame de Mellora Estética de Lalín, o circuíto de Cine no Rural e un obradoiro de robótica para nenas e nenos.

Na comarca do Salnés, Cambados vai percibir 86.286,90 euros para o Nadal, Entroido, Semana Santa, a celebración do día das Letras Galegas e a Festa do Albariño. O Grove recibirá 8.561,78 euros para o Simposio Internacional de Esculturas e a Regata de Dornas. Un total de 42.700 euros serán para Meis para as Festas de San Bieito, a Festa dos Callos e a Semana Santa de Paradela. Ribadumia é beneficiaria dun total de 20.000 euros para a programación no Auditorio Municipal e para a exaltación do viño autóctono na Festa do Viño Tinto. A Sanxenxo vanse achegar 104.470,50 euros para o programa Sanxenxo no Verán, as festas patronais, o Entroido, ademais de carreiras e probas deportivas. Achegas por valor de 57.181 euros serán para Vilagarcía de Arousa co fin de financiar gastos de limpeza, aseo e enerxía eléctrica do Conservatorio Profesional de Música, para o Combate Naval, para o proxecto de prevención do ciberacoso e o bo uso das TIC´s e para o programa de educación en valores-Cinensino.

Na comarca do Condado-A Paradanta, A Cañiza vai recibir 50.140,63 euros para o pagamento a acredores de gasto corrente e acredores de investimentos. Mondariz percibirá 30.422 euros para o Ciclo de Corais, a Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, o Cine de Verán na Rúa, a marcha BTT Montes de Mondariz, a 1ª Carreira de Orientación Mondariz e a Feira dos Oficios Artesáns. Pola súa parte, Mondariz-Balneario vaise beneficiar de 9.447 euros para Actividades de Rúa Clow e Circo, actividades de narración oral, actividades de humor Nabiza Girl, Cine de Verán, animación con contacontos, actividades musicais e festa de animación infantil. Para As Neves achéganse 49.390,11 euros para a Festa do Tinto Rías Baixas, a Festa do Requeixo e do Mel e mailos programas Xogar na Rúa e As Neves en Imaxes.

No Baixo Miño, A Guarda recibirá 71.340,27 euros para a Carreira de Orientación, o Trail do Trega, a primeira Proba de Enduro, Deporte e Cultura Urbana, o programa Verán Deportivo, as Andainas 2019, a Feira de Emprego, a Gala do Deporte, material para Turismo 2019, actuacións musicais na Festa da Langosta, actividades culturais 2019, a tirada de fogos artificiais das Festas do Monte, a Galifornia Beat e a Festa das Letras. Un total de 34.930 euros serán para O Rosal para o Campamento de Verán, a Festa do Pilar, a Feira do Mirabel, a Mostra da Camelia, a Festa do Cabaqueiro, a Feira do Viño do Rosal e o programa de inmersión lingüística en inglés. Para Oia vanse achegar 17.784,96 euros para primeiros auxilios no deporte, concertos de primavera e verán, un obradoiro para fomentar o envellecemento activo, un obradoiro de teatro, para publicar material turístico e para impulsar actuacións como Rumbo ao Emprego e Coidados Psicosociais Básicos no Alzheimer.

Na comarca de Pontevedra, A Lama recibirá 43.352,83 euros para a Semana Cultural, o Entroido e a Festa do Codillo. Ponte Caldelas vai percibir 51.502,28 euros para actuacións musicais nas Festas das Dores. Para Portas vanse achegar 34.851,92 euros para a amortización de débeda e para Moraña irán 37.345,06 euros. Destinaranse para un obradoiro de tratamentos do coidado xeriátrico dos pés, para a carreira e trofeo de fútbol do Carneiro ao Espeto, concertos, un obradoiro de fisioterapia a domicilio e outro de prevención da saúde, para a Noite de Medo en Samaín e para un obradoiro lúdico-termal para persoas con diversidade funcional motora. Na comarca de Vigo, o Concello de Fornelos de Montes vai recibir 35,292,16 euros para gasto corrente novo. Na comarca do Morrazo, vanse achegar para Bueu 12.666,81 euros para a reparación, conservación e mantemento de mobiliario urbano e de espazos públicos.

A través do Plan Concellos 2019, a Deputación pon á disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes un total de case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3 % máis que en 2018. Para a Liña 1 -Investimentos- destínanse un total de 30 millóns de euros, para a liña 2 -amortización, pago de débedas, gastos correntes e actividades- van un total de 3,9 millóns de euros e para a liña 3 -Emprego- achéganse máis de 9 millóns de euros.