Noticias

O Goberno provincial abre o prazo para que os concellos soliciten axudas para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero

En total destínanse 220.000 euros a concellos de menos de 20.000 habitantes, para espallar a igualdade na provincia. Os concellos poderán solicitar as subvencións durante un mes


14 febreiro 2019
Igualdade de oportunidades

A partir de hoxe e durante un mes os concellos de menos de 20.000 habitantes poden presentar a solicitude para optar ás subvencións da Deputación de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero. O extracto das bases sinala que os concellos deberán presentar por vía electrónica, a partir de hoxe, as súas solicitudes a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da institución provincial.

As axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero serven para que os municipios máis pequenos, ao longo deste ano, poidan desenvolver proxectos, programas e actividades para a igualdade real entre mulleres e homes e para a loita contra as violencias machistas. É unha liña de axudas que neste 2019 conta cun financiamento de 220.000 euros.

A través destas subvencións, que naceron no 2016 da man do Goberno de Carmela Silva, os concellos poderán sufragar distintas actuacións, entre as que están, por exemplo, actividades de sensibilización, formación e prevención; iniciativas xurdidas das Mesas Locais de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero; proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas; elaboración de Plans Municipais de Igualdade; campañas de difusión e sensibilización; ou a creación de redes e servizos de apoio para favorecer a corresponsabilidade e a conciliación.

As subvencións a concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, concederanse en réxime de concorrencia competitiva, valorándose os criterios obxectivos fixados nas bases. En 2018 beneficiáronse destas subvencións 45 concellos da provincia, 50 concellos en 2017 e 35 municipios en 2016.