Noticias

O Goberno de Carmela Silva volve primar á igualdade coa sinatura de tres novos proxectos provinciais

A presidenta asinou convenios de colaboración coa Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución, coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e con Fademur


05 xullo 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra na firma de convenios sobre igualdade

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asinou esta mañá tres convenios de colaboración, por valor de 26.000 euros, con tres entidades para distintos proxectos que buscan a promoción da igualdade e a loita contra as violencias machistas na provincia. Trátase da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), a Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución e a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.

Carmela Silva quixo enxalzar que toda a provincia de Pontevedra debe coñecer o enorme traballo que realizan estes colectivos, "e na Deputación énchenos de orgullo apoiar a colectivos que tanto fan pola igualdade real e pola loita contra as violencias machistas que sofren as mulleres". Asegurou que toda a provincia debe sentirse orgullosa destas entidades, "xa que realizan un labor fundamental que ninguén máis fai, que o fan de xeito altruísta, a cambio de nada, por conviccións e por principios, e que sen elas as mulleres terían moita menos rede para loitar polos seus dereitos".

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación asinou para a achega de 6.000 euros un convenio coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo para o desenvolvemento do programa "Camiño ao bo trato". A presidenta lembrou que esta iniciativa ten por obxectivo "a formación de todas aquelas persoas que teñen un trato directo coas mulleres maltratadas para que se formen en todas as necesidades ás que teñen que facerlle fronte estas mulleres, desde asesoramento, acompañamento e formación. En definitiva, un proxecto fundamental que desde fai tantos anos leva desenvolvendo a Rede de Mulleres".

Pola súa parte, a presidenta da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Rosario Otero Rodríguez, agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e lembrou que a súa entidade é única no traballo de apoio que realiza, "a nosa é unha loita continua e sen descanso, somos o soporte que teñen sempre ao seu lado as mulleres maltratadas, somos un referente para elas e hai que lembrar que estas mulleres necesitan moito apoio ao seu redor desde o primeiro momento". Por iso, Rosario Otero resaltou a importancia da sinatura deste convenio para poder seguir realizando a súa tarefa de apoio ás mulleres que sofren malos tratos.

A presidenta da Deputación tamén asinou un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), para o que a institución provincial achega 10.000 euros. Carmela Silva destacou a importancia deste apoio ás asociacións que traballan coas mulleres no rural, xa que asegurou que "a loita contra o despoboamento no rural de Galicia ou ten nome de muller ou non haberá tal loita". Resaltou que é fundamental crear proxectos que permitan que as mulleres poidan desenvolver actividades económicas que permitan a súa permanencia no mundo rural e "actividades que lles permitan levar adiante unha vida digna".

Precisamente nesta mesma idea incidiu a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, quen explicou que, grazas a este convenio, "podemos abordar proxectos que doutro xeito non poderiamos. Este ano vamos centrarnos en pór en marcha ferramentas que permitan ás mulleres do rural ser emprendedoras e autosuficientes e seguir así apostando polo rural", á vez que lembrou que tamén seguirán traballando forte na loita contra todo tipo de violencias machistas.

Carmela Silva, por último, tamén asinou esta mañá un convenio coa Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución, no que a Deputación inviste 10.000 euros. A presidenta enxalzou o importante traballo desta entidade que traballa en moitas vertentes, "traballa, antes de nada, en primeira persoa coas mulleres que exercen a prostitución, con asesoramento, información, formación e busca de emprego. Pero despois tamén fai un enorme traballo de sensibilización e formación ao conxunto da sociedade". A presidenta lembrou que a Deputación de Pontevedra está pola "abolición da prostitución, hoxe en día que hai algúns debates que falan da legalización, pois nós estamos en contra, nós estamos pola abolición".

A presidenta da Asociación Faraxa, María del Carmen Lago, agradeceu a colaboración coa Deputación, posto que "por desgraza, o colectivo da prostitución é un colectivo que vai en aumento, e ademais nos últimos anos con máis mulleres españolas". Lago explicou que desde a súa entidade, e grazas a este convenio, "podemos seguir mellorando na nosa loita, dando oportunidades a mulleres para que deixen a prostitución de lado e retornen a unha vida libre".