Noticias

O Goberno de Carmela Silva reforza a súa aposta pola defensa da cultura cun investimento de 1,5 millóns de euros para Pontegal e Musigal 2020

A Xunta de Goberno aprobou as bases de Musigal e informou que desde o próximo martes os grupos da provincia xa poderán adherirse ao novo catálogo de Pontegal


22 novembro 2019
Xunta de Goberno 22-11-2019

A Deputación de Pontevedra da un novo paso para a promoción e difusión da actividade artística e da riqueza cultural reforzando, cun investimento de millón e medio de euros en 2020, a súa aposta por Musigal e Pontegal, as dúas iniciativas de apoio á cultura popular na provincia. De feito, a Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases de Musigal, cun orzamento de 600.000 euros, e proximamente estarán listas as de Pontegal, cun importe de 900.000. Ao fío deste programa, o Goberno Provincial presentou hoxe o novo catálogo, cuxas bases sairán publicadas no BOPPO o vindeiro luns.

A presidenta da Deputación deu os detalles deste catálogo ao que desde o próximo martes se poderán adherir grupos, artistas, compañías e agrupacións da provincia, das múltiples e variadas expresións artísticas como o teatro, as bandas musicais, as masas corais, a danza, a música clásica, ou o folclore entre outras. Este inventario, que será un rexistro vivo, sen límite temporal para adherirse e aberto permanentemente á incorporación de novos grupos e artistas, poñerase a disposición de asociacións e entidades a efectos de que os coñezan e poidan contar con eles nos seus eventos. Así, poderá ser consultado na páxina web da Deputación www.depo.gal, co obxectivo de contribuír a unha permanente difusión e promoción dos grupos e compañías, ademais de apoiar e darlle publicidade a enorme riqueza cultural existente na provincia.

A opción cara aos grupos para integrarse neste inventario, a partir do martes, se realizará ao través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O catálogo contará cunha clasificación por bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, teatro, música clásica, música tradicional, e outras modalidades artísticas como animación infantil, audiovisuais, ballet, baile moderno, cantautoras e cantautores, charangas, grupos músico-vocais, grupos de playback, grupos pop-rock, humoristas, majorettes, maxia, outros folclores e poetas.

Carmela Silva tamén deu conta da aprobación das bases reguladoras do programa Musigal 2020, a iniciativa que "ten por obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega profesional da provincia de Pontevedra". Para o vindeiro ano o programa ten dúas novidades principais. "O principal é que o importe pasa de 500.000 a 600.000 euros e, outro dos cambios, é que se lle vai dar prioridade aos concellos co menor número de habitantes, co obxectivo de democratizar a cultura, que tamén é un dos ODS cos que temos un enorme compromiso", indicou a presidenta.

Silva adiantou que os grupos teñen ata o 20 de decembro para inscribirse en Musigal a través dunha única solicitude na sede electrónica da Deputación. Ademais, deben enmarcarse nalgunha das categorías do programa, entre as que se atopan "Son muller" (grupos nos que as mulleres supoñen o 60 % das persoas integrantes), "Son crianza" (grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar), "Son mocidade" (grupos nos que polo menos o 60 % son menores de 35 anos), "Son tradición" (música tradicional galega), "Son clásico" (música clásica con composicións de autoras/es galegas/os) e "Son actual" (pop, rock, hip hop e música electrónica).

Pola súa banda, os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar actuacións dos grupos inscritos en Musigal 2020 ata o 24 de xaneiro. Neste caso, os concertos desenvolveranse entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2020.