Noticias

O Goberno de Carmela Silva presenta o novidoso formato deportivo "Depo desafío" 2018

A actividade, enmarcada no Plan estratéxico de deportes, terá lugar entre xullo e outubro nos concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Vigo


07 maio 2018
Depodesafío 2018

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Deportes Chelo Besada e do deputado de Turismo Santos Héctor, xunto aos alcaldes e alcaldesas e representantes dos concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Vigo, presentou o novidoso formato deportivo "Depo desafío" que se desenvolverá entre xullo e outubro por estes sete concellos da provincia e que está destinado a deportistas amantes do deporte extremo.

Segundo informou Silva, o "Depo desafío" enmárcase no Plan estratéxico de deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas "cheas de experiencias, de emocións, e en contornas naturais de gran beleza: desde a beira do Miño, ata a ría de Arousa, montes da Cañiza e de Cerdedo-Cotobade e praias como a de Samil en Vigo". Máis polo miúdo, a presidenta provincial informou que este novidoso formato deportivo inclúe cinco probas diferentes que van desde a carreira a pé, ata a travesía a nado en mar, o tríatlon, a carreira en bicicleta de montaña BTT e o trail. A presidenta da Deputación asegurou que os principais obxectivos de "Depo desafío" son "popularizar estas probas ao tempo que damos a coñecer as extraordinaria vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable".

A primeira das probas do "Depo desafío" terá lugar, tal e como informou Silva, o 22 de xullo entre os concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda e consistirá nunha carreira a pé á beira do Miño, nun percorrido de 21 quilómetros e 97 metros que rematará aos pes do monte de Santa Trega.

O segundo desafío levarase a cabo o 12 de agosto e consistirá nunha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e A Illa da Toxa. Pola súa banda, tamén en agosto, terá lugar a terceira proba do "Depo desafío" que estará centrada no trail polo concello da Cañiza. Para esta terceira proba, as e os participantes deberán calzar zapatillas de trekking e prepararse para subidas e baixadas continuas a través dun percorrido de 15 quilómetros con espectaculares vistas. A cuarta cita será o 16 de setembro e consistirá nunha BTT polo concello de Cerdedo-Cotobade a través de 35 quilómetros no que as e os participantes terán que sortear múltiples escollos ata chegar á liña de meta. A última das probas será o 7 de outubro no concello de Vigo, na praia de Samil, e consistirá nun tríatlon na modalidade distancia sprint con 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira.

A presidenta da Deputación informou que mañá, a partir das 9.00 horas, ábrese o prazo para inscribirse no "Depo desafío". En total, admitiranse un máximo de 300 participantes e terá un custo de 30 euros por persoa, que inclúe a participación en todas as probas, que terán categoría masculina e feminina. Silva adiantou que o prazo de inscricións remata o 2 de xullo e entre o 9 e 19 de xullo, de 9 a 14 horas, as persoas participantes deberán recoller os dorsais no Servizo de Deportes da Deputación.

Tamén informou a presidenta que en cada unha das cinco probas haberá un gañador e unha gañadora que obterán un trofeo. Así e todo soamente gañaran o "Depo desafío" a muller e o home que finalicen ao menos 4 probas e consigan os máximos puntos. Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón Berlín, que inclúe voo e aloxamento para el/ela e acompañantes.

Pola súa banda, os alcaldes e alcaldesas presentes na presentación do "Depo desafío" amosaron o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra pola posta en marcha da iniciativa, que nace chea de éxito xa que permite combinar a práctica deportiva co fomento do turismo e a promoción do territorio.

Fotos

Vídeos