Noticias

O Goberno de Carmela Silva pon en marcha "Protura" co obxectivo de impulsar o turismo sustentable nas Rías Baixas

O proxecto, cun orzamento de preto de cen mil euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, ten por obxecto formar empresas en turismo rural sustentable e promover o asesoramento personalizado en materia ambiental


12 novembro 2017
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a posta en marcha do proxecto "Protura", cun orzamento de preto de cen mil euros e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, co obxectivo de mellorar o coñecemento entre as e os os profesionais do sector turístico do que significa o turismo sustentable. Para acadalo, o proxecto basearase en accións formativas e asesoramentos personalizados que pretenden achegalos a estratexias e ferramentas para mellorar a sustentabilidade do destino, así como impulsar actuacións que tendan á mellora do emprego e á protección do medio ambiente.

"Protura" forma parte do programa "Empleaverde 2017" da Fundación Biodiversidade e ten como socio, ademais de á Deputación de Pontevedra, á UPA Castela-A Mancha. O proxecto está dirixido a aquelas empresas turísticas do contorno da Rede Natura con interese en mellorar o seu desempeño en termos de sustentabilidade e o acceso a este nicho de mercado.

En liñas xerais, "Protura" pretende informar, formar e asesorar sobre os principios do turismo sustentable para que poidan incorporarse en prácticas de xestión empresarial. Polo tanto, o obxectivo é dar a coñecer as diferentes posibilidades para minimizar os impactos negativos e maximizar os beneficios da actividade turística no ámbito ambiental, sociocultural e empresarial.

O proxecto contará con accións formativas, presenciais e en liña, que teñen por obxectivo capacitar as empresas e o persoal do sector turístico en relación ás técnicas de xestión nas que se basean os principios do turismo sustentable. Máis polo miúdo, nesta formación abordaranse cuestións relacionadas co concepto de sustentabilidade, os impactos do turismo e a relación entre o turismo e o medio ambiente, a sustentabilidade no sector turístico, a xestión das empresas turísticas e as claves e características do turismo sustentable, as axudas e subvencións, así como as acreditacións e aspectos legais, as características socioeconómicas das zonas obxectivo, o potencial endóxeno dos recursos das zonas obxectivo e a identificación dos produtos máis relevantes desas zonas, e exemplos de boas prácticas de sustentabilidade.

Xunto á formación, "Protura" tamén se encargará de levar a cabo asesoramento de turismo sustentable de xeito específico, personalizado e individualizado, co obxectivo de mellorar a situación no mercado de traballo dos profesionais do sector turístico. Estes asesoramentos personalizados, que inclúen unha parte presencial e outra a distancia, centraranse na análise das características socioeconómicas da zona, a valorización do potencial endóxeno dos recursos de cada unha, a identificación dos produtos máis relevantes da mesma, a análise da lexislación vixente, as liñas de axudas e subvencións dispoñibles e a xestión de empresas turísticas.