Noticias

O Goberno de Carmela Silva pon en marcha novos proxectos e servizos para continuar modernizando a administración local da provincia

A Deputación de Pontevedra está a investir 1,3 millóns de euros para a implantación da administración electrónica e o padrón municipal de habitantes nos concellos da provincia


03 novembro 2017
novos proxectos e servizos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá os pasos que está a realizar a institución provincial para a modernización da administración local na provincia de Pontevedra. Así, Silva destacou que "estamos a achegar máis de 1,3 millóns de euros para levar as novas tecnoloxías a todos os concellos, somos a súa única aliada, dado que non dispoñen de recursos propios suficientes para abordar con éxito a transformación dixital, para que poidan dar por cumprida a Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas".

Carmela Silva destacou que "unha das grandes funcións das deputacións provinciais é a de ofrecer asistencia, incluída a técnica, aos concellos". Por ese motivo, a Deputación de Pontevedra está a promover unha estratexia global de solucións tecnolóxicas aos concellos que está a permitir, entre outras cuestións, impulsar un novo servizo do padrón municipal de habitantes.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que "fai uns meses puxemos en marcha o proxecto da administración electrónica, no que estamos a investir 800.000 euros, que nos converteu en pioneiros en Galicia, ao ser a primeira administración en poñer en marcha un proxecto para axudar aos concellos a facer fronte á lei 39/2015". Ao respecto Silva manifestou que "tanto o Goberno de España como o da Xunta de Galicia aproban leis de obrigado cumprimento pero non transfiren ningún céntimo de euro e, polo tanto, fan imposible que os concellos poidan cumprir coas leis que se aproban, faltando así o respecto á autonomía local e a entender que a administración local tamén é Estado como así contempla a Constitución Española".

Carmela Silva indicou que a través do proxecto de administración electrónica, estanse a modernizar 54 concellos da provincia e dúas entidades menores. Ata o momento, en 52 concellos xa se comezou a implantar o servizo, dando formación a 2.185 funcionarias e funcionarios e a 720 cargos públicos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que a "nosa aposta por modernizar os concellos vai máis alá e estamos a impulsar un novo servizo de padrón municipal de habitantes que está a piques de adxudicarse e permitirá aos concellos mellorar a xestión municipal". Segundo Silva, as e os profesionais da institución provincial viñan detectando nos concellos unha grande variedade de solucións implantadas para a xestión do padrón municipal que contaban con grandes carencias, xa que se trataban de solucións desfasadas tecnolóxica mente, cun mantemento ou soporte incorrecto e que non estaban integradas na sede electrónica. Deste xeito, o novo servizo de padrón municipal, ao que a Deputación destina medio millón de euros, prestarase a través da nube, garantindo a dispoñibilidade e seguridade do servizo e evitando que afronten un gasto innecesario na infraestrutura hardware ou software.

Nestes momentos, tal e como resaltou Silva, "estamos a piques de adxudicar o contrato e en canto remate o proceso terá lugar unha presentación para os concellos da provincia na que tamén daremos a coñecer os resultados da administración electrónica e outro servizo que imos poñer en marcha de impresión e dixitalización de documentos". A continuación, abrirase un prazo para que os concellos que estean interesados soliciten a súa adhesión ao servizo e comezará a implantación do padrón, migrando os datos na aplicación actual e integrando o padrón coa sede electrónica dos concellos, "o que permitirá, entre outras cuestións, que a cidadanía poida pedir certificados de empadroamento sen pisar o concello, desde as súas casas", indicou Silva.

O novo servizo do padrón municipal inclúe tamén formación a través de cursos "in situ" nos concellos para as persoas encargadas da súa xestión e oferta un soporte para resolver as consultas e incidencias da cidadanía por vía telefónica ou telemática. Ademais, tamén se inclúe o mantemento correctivo e evolutivo que permitirá corrixir erros e poñer en marcha novas funcionalidades.