Noticias

O Goberno de Carmela Silva organiza no castelo de Soutomaior unha novidosa exposición sobre a moda da época de María Vinyals

"A moda en detalles: indumentaria e complementos (1870-1925)" presenta boa parte "da marabillosa colección dos fondos do Museo de Pontevedra centrada na moda feminina de finais do século XIX e principios do XX"


11 decembro 2018
A moda en detalles: indumentaria e complementos (1870-1925)

O castelo de Soutomaior acollerá a partir do día 20 de decembro unha novidosa exposición con pezas do Museo de Pontevedra relacionadas coa moda da época na que María Vinyals viviu. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que o obxectivo de "A moda en detalles: indumentaria e complementos (1870-1925)" "é dinamizar, máis se cabe, o castelo de Soutomaior con actividades paralelas que complementen a musealización".

Máis polo miúdo, tal e como informou a presidenta, con "A moda en detalles: indumentaria e complementos (1870-1925)" preténdese abordar "temas relacionados coas persoas que habitaron no castelo de Soutomaior como é o caso de María Vinyals". Deste xeito a exposición, que se estenderá ata o 24 de febreiro do 2019, vai presentar parte "da marabillosa colección dos fondos do Museo de Pontevedra centrada na moda feminina de finais do século XIX e principios do XX, época na que o castelo era a residencia dos marqueses de la Vega de Armijo primeiro e logo de María Vinyals", asegurou Silva.

A través de "A moda en detalles" darase a coñecer como vestían as mulleres coetáneas a Vinyals, os seus gustos, como accedían á moda ou como eran as diferentes tendencias nas que o gusto pola diversidade foi predominante, ademais dun símbolo de modernidade para moitas mulleres. Deste xeito, amosaranse pezas que pertenceron ás irmás Domecq, á familia García Solís ou ás irmás Mendoza, que aportaron unha grande cantidade de fondos ao Museo de Pontevedra.

En concreto, "A moda en detalles" recolle 200 pezas de bordados, abelorios, calzado, cosmética, xoiería, publicacións, complementos e pezas únicas na moda feminina de finais do século XIX e comezos do XX, moitas delas inspiradas na moda de París ou con tecidos procedentes dos mellores almacéns de Londres. "Veremos cores, complementos, tecidos que tamén se reproducen en obras de pintores como Joaquín Sorolla, gran amigo de María Vinyals á que retratou nun cadro a comezos do século XX que hoxe permanece en paradoiro descoñecido", destacou Carmela Silva.

A exposición "A moda en detalles: indumentaria e complementos (1870-1925)", na que tamén colabora o Museu Virtual de la Tarjeta Postal de Catalunya, poderá visitarse na Sala de Tapices do castelo de Soutomaior desde o xoves 20 de decembro ata o 18 de febreiro. A presidenta da Deputación animou "a todas as persoas a achegarse ata o castelo a partir do 20 de decembro e completar a mostra coa visita á sala María Vinyals, na que se da conta da súa apaixonante vida vinculada ao castelo de Soutomaior desde 1875 ata 1917".