Noticias

O goberno de Carmela Silva modifica o orzamento e incrementa os recursos para servizos básicos en máis de 14 millóns de euros

O goberno provincial cumpre así cos compromisos adquiridos na toma de posesión e volve marcar as súas prioridades


25 feb 2016

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará, no Pleno provincial deste venres, unha modificación orzamentaria que incrementará en 14.644.100 euros os recursos que se destinarán este ano a servizos básicos aos cidadáns en cohesión social, emprego, cooperación cos concellos, medio ambiente, mobilidade, igualdade, cultura ou deportes. A metade desta incorporación farase como créditos extraordinarios por importe de 7.370.000 euros. A outra metade, 7.274.000 euros, será para incrementar partidas existentes e insuficientes nos orzamentos de 2016.

Os novos créditos financiaranse con aforro propio procedente de exercicios anteriores e non supoñen aumentar débeda. Ademais, todos os gastos son dirixidos a proxectos de interese xeral, social, asistencial e de reforzo da colaboración cos concellos. De feito, as partidas que aumentan en crédito pertencen fundamentalmente ás áreas de Deportes, un 28,3 %; Cooperación cos concellos, un 22,3 %;  e Mobilidade, un 21,4 %. Estas áreas, que xestionan servizos básicos municipais e provinciais, absorben o 72 % do total de suplemento de créditos desta proposta.

Cohesión Social e Xuventude, o Centro Príncipe Felipe e Igualdade reciben un 19 % do suplemento total. Son importes suplementarios que van servir para ampliar a oferta de emprego xuvenil, actuacións para a formación dos mozos, maiores medidas de atención ás mulleres e melloras nas instalacións de atención social. O 18,5 % dedícase ao fomento do emprego e o 5 % do suplemento de crédito engadido diríxese á promoción da cultura e a ampliar a oferta do Museo con adquisicións e subministracións.

En resumo, trátase dunha incorporación de créditos que representa un 9,6 % máis no orzamento deste ano 2016, dirixido a dotar de máis recursos os servizos básicos municipais e da provincia e a mellorar as prestacións nas áreas de maior demanda social.

Para Carmela Silva "esta modificación do orzamento é moito máis que un aumento de recursos para dar resposta a todos os compromisos que adquirimos como goberno; é unha mostra inconfundible de cal é a política na que cremos, que é a política para as persoas. É unha mostra inequívoca de que cambiamos radicalmente co modelo anterior, ao que sempre nos opuxemos frontalmente".

A presidenta da Deputación engadiu que "hai outra forma de facer política, pensada para a gran maioría, e esta modificación é unha proba evidente de que as cousas se poden e deben facer doutra forma, que nos vai permitir que poidamos facer fronte a todos os nosos compromisos…  pero, o máis importante, vai permitir facer fronte ás necesidades reais da sociedade na provincia de Pontevedra".