Noticias

O Goberno de Carmela Silva lanza IDEPo, unha novidosa iniciativa libre e gratuíta que integra a información da provincia nun único xeoportal

A presidenta da Deputación "moi orgullosa" pola posta en marcha dunha ferramenta que sitúa á Deputación de Pontevedra "como unha referencia no eido tecnolóxico"


20 xullo 2018
Presentación nova web IDEPo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá IDEPo (www.ide.depo.gal), unha novidosa iniciativa que optimiza a información xeográfica da provincia, evitando duplicidades, a través dunha única base de datos. Con IDEPo, tal e como informou Silva, a Deputación de Pontevedra pretende facilitar o acceso público, libre e gratuíto á información xeográfica de xeito que lle sexa de utilidade ás administracións, ao tecido empresarial e á cidadanía, aforrando tempo e custos na procura de información.

Segundo asegurou a presidenta provincial, "levamos tres anos traballando na integración de toda a información para crear este novo xeoportal que dispón de datos espaciais xeorreferenciados que van permitir ás administracións públicas dispoñer de datos de calidade para a toma de decisións, así como contribuirá a que as empresas poidan empregar a ferramenta para complementar as súas análises e estudos e a que a cidadanía poida coñecer mellor a súa provincia e os seus municipios".

Esta nova infraestrutura de datos espaciais, "que nos sitúa como unha referencia no eido tecnolóxico", emprega as tecnoloxías GIS (Sistemas de Información Xeográfica) máis actuais para permitir un uso profesional da ferramenta. "E iso sen esquecer ás persoas usuarias –asegurou Silva– xa que prestamos especial atención á utilizabilidade e accesibilidade web para mellorar a experiencia de navegación".

Máis polo miúdo, tal e como adiantou a presidenta provincial, www.ide.depo.gal permite amosar a través dunha serie de visores información recollida na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) relativa á situación das redes de saneamento e abastecemento, vías de comunicación e equipamentos; instalacións e servizos deportivos; estradas de titularidade provincial; elementos do patrimonio cultural provincial como castelos, castros, petróglifos, mámoas, hórreos, capelas ou igrexas; situación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal e os parques do Consorcio Provincial de Pontevedra; os tramos dos camiños de Santiago pola provincia; o histórico da evolución demográfica e o trazado dos límites administrativos provinciais.

A presidenta da Deputación tamén explicou que a nova ferramenta www.ide.depo.gal estará a disposición de todos os concellos da provincia, para que poidan engadir máis información xeográfica que complemente o seu coñecemento do territorio. Neste eido, o persoal de Novas Tecnoloxías da institución provincial encargarase da xestión técnica da información así como de proveer aos concellos dos mapas interactivos personalizados para que poidan incluír nos seus portais webs institucionais ou integrar coas súas ferramentas de xestión. Máis polo miúdo, Silva adiantou que en setembro terá lugar unha xornada de formación e información para que os concellos poidan coñecer en profundidade a nova ferramenta e aproveitar todas as súas vantaxes.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción polo carácter moderno, innovador e vangardista da iniciativa, que se suma aos numerosos proxectos que a Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha "para aproveitar todas as vantaxes que nos achegan as novas tecnoloxías e nos permiten facilitar a xestión pública". Máis polo miúdo, a presidenta provincial recordou os proxectos innovadores liderados pola Administración provincial, entre os que destacou á administración electrónica, o padrón municipal ou o servizo de impresión e dixitalización.