Noticias

O Goberno de Carmela Silva investiu case 3 millóns de euros no Concello da Cañiza nos dous últimos anos

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres máis de 100.000 euros para as obras de saneamento no Foxo, Valeixe


15 marzo 2018
plan concellos 2018

O Goberno de Carmela Silva destinou nos dous últimos anos case 3 millóns de euros en investimentos no Concello da Cañiza, 2.737.171,05 euros, entre os fondos do Plan Concellos da Deputación dos anos 2016 e 2017, e as inversións feitas desde todas as áreas da institución provincial. Ademais, este ano 2018, e só no referido ao Plan Concellos, A Cañiza ten a súa disposición 928.630 euros, un 75 % máis que o que lle correspondeu no ano pasado 2017.

Precisamente este venres, a Xunta de Goberno da Deputación aprobará o primeiro investimento deste ano para A Cañiza, 119.613 euros para financiar as obras de saneamento no Foxo, Valeixe. A actuación ten por obxectivo completar os servizos existentes, mediante a execución da rede de saneamento con 417 m de tubaxe, 37 pozos de rexistro, 20 acometidas domiciliarias e a instalación dun sistema de depuración acorde ao número de vivendas que se beneficiarán da nova rede de saneamento. Estas actuacións dotarán de saneamento ás vivendas que actualmente non teñen servizo, para o seu tratamento de depuración de forma biolóxica.

Por outra banda, ao través da liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2018, a Deputación inviste este ano un total de 122.361,75 euros, cartos cos que o Concello poderá contratar un total de 18 traballadoras ou traballadores para os postos de 1 mozo/a para recollida do lixo; 1 albanel, 2 peóns de construción, 1 electricista-persoal de mantemento; 3 peóns de horticultura-xardinería; 2 peóns limpadores/as; 1 tractorista, 4 operarios de reparadores do firme de asfalto; e 3 varredores.

Tamén, o Concello da Cañiza é un dos 25 municipios beneficiarios de proxectos singulares incluídos no Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra. De feito, levarase a cabo un proxecto de urbanización do parque central do concello, cun orzamento total de 383.217,15 euros dos que a institución provincial investirá 306.573,72 euros e o concello 76.643,43 euros.