Noticias

O Goberno de Carmela Silva financia en Poio con preto de 145.000 euros a mellora de firmes e servizos no camiño de Vilanova e na avenida José Martínez García

Trátase dun investimento do Plan Concellos 2019, ao través do cal a Deputación pon á disposición da vila un total de 1.068.761,89 euros, un 3,03 % máis que no 2018


23 febreiro 2019
Plan Concellos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación na Xunta de Goberno da Deputación dun novo investimento para Poio con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 144.589,52 euros cos que a vila poderá financiar a mellora de firmes e servizos no camiño de Vilanova e na Avenida José Martínez García. Este ano a institución provincial pon á disposición de Poio a través do plan un total de 1.068.761,89 euros, un 3,03 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, a actuación consiste na demolición e movementos de terras para manter a mesma rasante de terreo e coa intención de limpar os cordóns de terra nas marxes para proceder ao corte do firme para executar a gabia na que se instalarán as conducións de pluviais. Despois da colocación das tubaxes, limparase o firme actual cun barrido. Tamén se aplicará unha nova capa de aglomerado de 5 centímetros de espesor para toda a superficie que se pretende asfaltar.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 743.285,7 euros, o Concello de Poio tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 94.388,1 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 231.088,09 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 24 traballadoras e traballadores para o concello.