Noticias

O Goberno de Carmela Silva destinou en 3 anos máis de 30 millóns de euros aos concellos da comarca de Vigo, "o maior investimento da historia da Deputación"

"Non hai actividade, obra ou servizo nestes sete concellos nos que non estea a Deputación de Pontevedra. Ningunha administración investiu como este Goberno"


26 setembro 2018
30 millóns de euros aos concellos da comarca de Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe, nunha comparecencia en Redondela, que a institución provincial investiu nos tres anos do actual Goberno máis de 30 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca de Vigo: Redondela, Mos, O Porriño, Fornelos de Montes, Pazos, Salceda de Caselas e Soutomaior. "É o maior investimento da historia da Deputación nesta comarca e moito máis importante que a que fixo calquera outra administración", asegurou a presidenta, que resaltou que "preto de 19 millóns corresponderon ao Plan Concellos e case 11 millóns ás distintas áreas do Goberno provincial".

"Falo de datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un, resaltou a presidenta. Estas son as cifras que ninguén poderá refutar e o que significa é moi importante: que non hai actividade ou servizo nos concellos de menos de 20.000 habitantes que non leven o selo da financiación desta Deputación". Carmela Silva, que relatou todos os datos dos últimos tres anos de investimentos na comarca, engadiu que "ningunha administración investiu como este goberno nestes concellos que nunca tiveron tantos recursos en toda a historia da democracia".

En liñas xerais, a institución provincial investiu 18,9 millóns de euros no Plan Concellos; máis de 1,8 millóns de euros € entre o PICEI de 2016 e o Plan de Reequilibrio 2017-2018 que beneficiaron a Fornelos de Montes, O Porriño e Soutomaior; preto de 1,4 millóns para proxectos do DepoRemse no Porriño, Salceda e Fornelos de Montes; preto de 700.000 euros en Emprego (e, a maiores, outros máis de 3 millóns do Plan Concellos destinados a esta finalidade); 1.500.000 € na área de Cohesión Social e Xuventude; arredor de 600.000 € en Deportes; preto de 660.000 € en Cultura; case 3,4 millóns de euros en Mobilidade; 185.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes; 215.000 euros en Medio Ambiente; outros 121.000 € na área de Novas Tecnoloxías e 600.000 euros en Turismo.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento de preto de 19 millóns de euros na comarca, con 1.411.563,09 para Fornelos de Montes, 3.483.089,75 € para Mos, 3.950.032,33 € para O Porriño, 1.460.156,97 € para Pazos, 4.285.431,77 € para Redondela, 2.330.722,52 € para Salceda de Caselas e 1.936.022,43 € para Soutomaior. Dentro dos plans para favorecer o equilibrio territorial entre os concellos castigados polo anterior goberno provincial, Fornelos de Montes recibiu 145.000 € no PICEI para a reforma do seu pavillón municipal e outros 549.000 € (dun orzamento total de 687.000 €) no Plan de Reequilibrio para a "a urbanización, ximnasio e pista de pádel". Tamén se beneficiaron do Plan de Reequilibrio O Porriño (800.000 € para o módulo de atletismo, cun orzamento dun millón de euros) e Soutomaior (282.000 € dun orzamento de 352.000 € para remodelar o campo de fútbol municipal de Arcade).

Ademais, Carmela Silva lembrou que o Plan DepoRemse, "feito con bases e criterios obxectivos como todos os nosos plans, ao contrario do que se facía antes", deixou entre os concellos da comarca preto de 1,4 millóns de euros para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria nos espazos públicos do Porriño (425.000 € para actuar na rúa Doantes de Sangue e a súa contorna), Fornelos de Montes (450.000 € para a remodelación e dotación da praza da Igrexa e da rúa das Escolas) e para Salceda de Caselas (469.000 € para o proxecto de urbanización do antigo campo da feira da Devesa).

Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que "en tres anos financiamos nos concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca de Vigo a creación de 510 postos de emprego e de formación, cun investimento de 3.758.604,59" entre o Plan Concellos, con 3.074.000 €, e os distintos plans de práctica laboral, outros 685.000 €. A través do Plan Concellos "creamos 415 empregos na comarca", destacou Carmela Silva, que se distribúen da seguinte maneira: 44 en Fornelos de Montes (233.000 €), 34 en Mos (388.000 €), 109 no Porriño (713.000 €), 55 en Pazos (263.000 €), 76 en Redondela (722.000 €), 45 en Salceda de Caselas (418.000 €) e 52 en Soutomaior (337.000 €).

O investimento da Deputación dentro do Plan de Práctica Laboral nos concellos foi de 471.000 euros, cun total de 64 bolseiras e bolseiros, e outras 31 persoas, cun importe próximo aos 214.000 €, dentro do Plan de Práctica Laboral en empresas: 5 en Fornelos de Montes (41.000 €), 5 en Salceda de Caselas (39.000 €), 7 en Soutomaior (52.000 €), 23 en Mos (150.000 €), 14 no Porriño (111.000 €), 5 en Pazos (42.000 €) e 23 en Redondela (150.000 €).

No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado aos concellos da comarca de Vigo sitúase en arredor de 1.500.000 euros: 1.470.701,61 € que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a máis de 8.000 veciñas e veciños de máis de 100 asociacións cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu 986.000 € no Plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios (do que Redondela non se beneficiou por ter máis de 20.000 habitantes), 76.000 € en Fornelos de Montes, 269.000 € en Mos, 292.000 € no Porriño, 67.000 € en Pazos, 184.000 € en Salceda de Caselas e 98.000 € en Soutomaior. Ademais, a institución provincial achegou un total de 180.400 € para axudas de emerxencia (das que Redondela tampouco se beneficiou polo mesmo motivo): 21.000 € en Fornelos de Montes, 30.000 € en Mos e tamén no Porriño, 27.000 € para Salceda de Caselas e cadanseus 36.000 € para Pazos e Soutomaior. Así mesmo, a Deputación mellorou a vida das persoas maiores das comarcas a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron arredor de 300 mulleres e homes cunha achega de 15.000 €: 13 de Fornelos de Montes, 91 de Mos, 110 no Porriño, 11 de Pazos, 38 de Salceda de Caselas e 34 de Soutomaior. Nas liñas de axudas a colectivos sociais, beneficiáronse 23 colectivos de Mos, O Porriño, Pazos e Redondela con achegas superiores aos 96.000 €.

No que se corresponde aos programas de actividades e de atención cidadá, Carmela Silva destacou que "mobilizamos a preto de 8.300 persoas da comarca a través de Depo en marcha, En ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo lazos, DepoRúarte e Depo Aventura A Lanzada". En Depo en marcha participaron 1.277 persoas (44 de Fornelos de Montes, 352 de Mos, 36 do Porriño, 157 de Pazos, 278 de Redondela, 233 de Salceda de Caselas e 177 de Soutomaior). En En ruta coa Depo participaron un total de 5.573 persoas (157 de Fornelos de Montes, 2.207 de Mos, 603 do Porriño, 100 de Pazos, 927 de Redondela, 952 de Salceda de Caselas e 627 de Soutomaior). Un total de 703 persoas (56 de Fornelos de Montes, 145 de Mos, 178 do Porriño, 14 de Pazos, 101 de Redondela, 82 de Salceda de Caselas e 127 de Soutomaior) gozaron do termalismo de #PontevedraProvincia grazas ao programa Depotermal e outras 161 persoas de Fornelos de Montes (43), Mos (47), O Porriño (47), Pazos (10) e Salceda de Caselas (14) reforzaron os lazos afectivos entre distintas xeracións dunha mesma familia grazas aos obradoiros de Tecendo lazos. Para as máis novas e os máis novos, a Deputación de Pontevedra levou as súas actividades de arte urbana no marco de DepoRúarte a 86 mozas e mozos: 73 do Porriño e 13 de Pazos, e coa colaboración do IES Ribeira do Louro do Porriño. Tamén entre o sector máis novo, 421 menores se beneficiaron dos campamentos de Depo Aventura A Lanzada: 6 de Fornelos de Montes, 115 de Mos, 69 do Porriño, 21 de Pazos, 121 de Redondela, 49 de Salceda de Caselas e 41 de Soutomaior. Por último, catro persoas (unha do Porriño e 3 de Soutomaior) participaron nos cursos de español para persoas inmigrantes.

En canto á Mobilidade, a presidenta Carmela Silva lembrou que o investimento foi próximo aos 3,4 millóns de euros (3.365.844,96 €) para a realización de "obras de mellora nas estradas provinciais da comarca de Vigo e distintos plans de mobilidade". Nos últimos tres anos, resaltou, "licitamos e/ou iniciamos obras por importe de máis de dous millóns e medio de euros, 24 actuacións" en viarios de Fornelos de Montes (43.000 €), Mos (716.000 €), O Porriño (250.000 €), Pazos (85.000 €), Redondela (500.000 €), Salceda de Caselas (769.000 €) e Soutomaior (176.000 €). Tamén se financiou cun total de 91.000 € a realización de 11 asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento das obras en Mos, O Porriño, Pazos, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior.

Destacan as obras de mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria na EP-2803 Fornelos-Festín, EP-2605 Meixoeiro-Mos, EP-2603 Puxeiros-Peinador, EP-2403 Mosende-Morgadáns, EP-2405 Cerquido-Budiño, EP-2704 Sequeiros-Cuartos de Borbén, EP-2702 Amoedo-Os Valos, EP-2501 Salceda-A Picoña, EP-2503 Cerquido-Borraliño, EP-2505 Entenza-Soutelo ou a EP-2908 Arcade-Amoedo; obras de mellora de drenaxe e capa de rodadura na EP-2804 Fornelos-Ventín, EP-2405 Cerquido-Budiño e a EP-2702 Amoedo-Os Valos; e a construción de muros na EP-2401 O Porriño-Mosende, EP-2907 Redondela-Cepeda e a EP-2904 Redondela-A Portela.

O Plan Móvese achegou máis de 438.000 € á comarca, coa construción de 54 pasos peonís (11 en Fornelos de Montes, 3 en Mos, 13 no Porriño, 2 en Pazos, 11 en Redondela, 4 en Salceda de Caselas e 10 en Soutomaior) e a instalación de 19 redutores de velocidade (2 en Fornelos de Montes, 10 en Redondela, 1 en Salceda de Caselas e 6 en Soutomaior). A Deputación investiu nas estradas provinciais localizadas nos concellos da comarca 127.000 € co Plan de sinalización viaria e 129.000 € co Plan de pintado das estradas, así como investiu 42.000 € no Plan de desbroces e limpezas para actuar nun total de 129.133 metros.

Na área de Igualdade, o investimento foi de máis de 184.000 € para "fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con máis dun centenar de cursos", destacou a presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar 10 actuacións con máis de 47.000 euros para estes concellos e para a Asociación de Mulleres Arela de Saxamonde de Redondela. A través do programa Conectadas, financiáronse 151 cursos por valor de 132.000 € colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e asociacións culturais, achegando formación transversal en igualdade: 9 cursos en Fornelos de Montes (8.000 €), 45 en Mos (41.000 €), 13 no Porriño (11.000 €), 10 en Pazos (8.000 €), 28 en Redondela (24.000 €), 19 en Salceda de Caselas (16.000 €) e 27 en Soutomaior (23.000 €). Ademais, o programa "Mulleres en acción. Violencia zero" chegou a Mos, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior cun investimento próximo aos 4.000 €.

En canto a Deportes, Carmela Silva resaltou que "investimos preto de 600.000 € en axudas, beneficiando a máis de 100 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e 250 nenas e nenos nas Deporte escolas". A presidenta provincial informou en primeiro lugar da liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores. A presidenta resaltou que "supuxeron un aumento nas cantidades, que se incrementaron en 200.000 € desde 2015 e nos permitiron chegar a un 10 % máis de clubs en toda a provincia". No caso da comarca de Vigo, beneficiaron a 70 clubs e asociacións deportivas, 3 de Fornelos, 12 de Mos, 14 do Porriño, 3 de Pazos, 22 de Redondela, 6 de Salceda de Caselas e 10 de Soutomaior, cunha achega total de 158.000 €. Ademais, a Deputación investiu 211.000 € na liña de achegas aos clubs de categoría estatal nas súas disciplinas, beneficiando a 2 clubs do Porriño, un de Pazos e 5 de Redondela (un total de 8). No apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas, a institución provincial achegou un total de 70.000 € que permitiron financiar 30 actividades de clubs de Fornelos, Mos, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas.

Na liña de achegas a deportistas individuais, a Deputación colaborou con 17 deportistas de Mos, O Porriño, Pazos, Redondela e Salceda de Caselas e un deportista olímpico do Porriño, unha achega próxima aos 16.000 €. Ademais, a Copa Deputación supuxo a participación de 17 clubs de fútbol por valor de máis de 43.000 €. A Deputación de Pontevedra tamén instalou 20 Deporte escolas nos concellos de Fornelos de Montes, Mos, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas, que atenderon a máis de 250 nenas e nenos que practicaron balonmán, fútbol e judo, entre outras. Este ano a Deputación convoca 23 novas escolas deportivas. A presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.

Na área de Cultura, a Deputación de Pontevedra investiu preto de 660.000 € para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, das entidades e das comisións de festas dos concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca de Vigo. A presidenta lembrou que "cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua. A través deste novo concepto achegamos en tres anos preto de 40.000 €" para desenvolver 32 actividades: 6 en Mos, 2 no Porriño, 20 en Redondela e 4 en Salceda de Caselas. Dentro das axudas para a dinamización da lingua galega, cunha liña dirixida a concellos e outra a entidades culturais, destináronse preto de 75.000 € que chegaron aos concellos de Fornelos de Montes, Mos, Pazos e Soutomaior (26.000 €), e tamén a 22 colectivos sociais de Mos, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas (49.000 €).

Ademais, a institución provincial achegou 161.000 € á rehabilitación e sinalización do patrimonio de Fornelos de Montes (14.000 €), Mos (29.000 €), O Porriño (42.000 €), Pazos (16.000 €), Redondela (30.000 €), Salceda de Caselas (16.000 €) e Soutomaior (14.000 €). Destacan nesta liña a escalinata do vestíbulo e a fachada do cemiterio de San Lourenzo (Fornelos de Montes), o cambio de cuberta da antiga escola unitaria de Atios (O Porriño), a interpretación dos petróglifos das Teixiñas e a restauración da fonte e lavadoiro de Fraga do Rei (Pazos), a conservación do pavimento da alameda e do cemiterio dos Eidos (Redondela) e a mellora do acceso ao adro da Igrexa de Santa María (Salceda de Caselas), entre outras. A Deputación tamén investiu 274.000 € na colaboración cos concellos e comisións de festas para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal: 23.000 € en Fornelos de Montes, 76.000 € en Mos, 25.000 € no Porriño, 25.000 € en Pazos, 75.000 € en Redondela, 29.000 € en Salceda de Caselas e 22.000 € en Soutomaior. Do mesmo xeito, 20.000 € para festivais musicais e de artes escénicas, 14.000 € para festivais audiovisuais e 6.000 € no marco do programa Musigal, que leva a música galega e en galego por todo o territorio da provincia.

En canto a Turismo Rías Baixas, o investimento na comarca situouse en máis de 594.000 euros. Carmela Silva lembrou que "este Goberno ten unha decidida aposta pola posta en valor do castelo de Soutomaior, cun investimento de 558.000 € cunha musealización que supuxo un antes e un despois para a súa historia". A presidenta lembrou que "convertémolo nun referente e no fío condutor do turismo da provincia e da posta en valor do noso patrimonio". Carmela Silva resaltou tamén que en agosto o castelo recibiu 6.278 visitas, un 26,4 % máis que en agosto de 2017. Se tomamos os datos desde a reapertura, xa suman máis de 19.000 visitas cun incremento do 104,30 % respecto ao mesmo período de 2017. O Goberno provincial investiu nestes tres anos 36.000 € en actuacións de promoción en todos os concellos, resaltando as campañas de turismo familiar, o Cruzando Camiños, a posta en valor do Camiño portugués, as campañas de FITUR, as visitas teatralizadas ou tamén a campaña "Somos historias, somos sostibles".

A Deputación tamén investiu máis de 215.000 euros en Medio ambiente para implantar "un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos". A liña de mellora dos montes mediante a creación de parques forestais supuxo ata agora máis de 48.000 € para actuar no parque de Freaza, en Fornelos de Montes. A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 13 actuacións no Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior por valor de 45.000 €. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron a dúas cooperativas, de Redondela e Soutomaior, por valor de 52.000 €, asinando ademais un convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, en Mos, para restaurar o río Louro con preto de 70.000 €. Ademais, ao abeiro do Plan Revitaliza, instaláronse composteiros comunitarios nos concellos de Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior.

No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación de Pontevedra sitúase por enriba dos 121.000 € "para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme". No caso da administración electrónica, o investimento foi de 37.000 € para formar a un total de 540 persoas funcionarias (98 do Porriño, 28 de Fornelos de Montes, 97 de Mos, 39 de Pazos, 155 de Redondela, 64 de Salceda de Caselas 59 de Soutomaior), e pola súa banda SmartPeme beneficiou a 102 empresas (41 do Porriño, 1 de Fornelos de Montes, 18 de Mos, 3 de Pazos, 6 de Redondela, 31 de Salceda de Caselas e 2 de Soutomaior) cun investimento de 84.000 euros desde a oficina do Porriño, na que Carmela Silva salientou que "nestes tres anos atendemos 596 consultas, asesoramos a 136 empresas e realizamos 130 obradoiros aos que asistiron 794 persoas".

A presidenta tamén informou das achegas no apartado de Comunicación, atendendo 13 solicitudes de impresión de carteleira de asociacións de Fornelos de Montes, O Porriño, Redondela e Soutomaior, con recursos propios da Deputación de Pontevedra.

Fotos