Noticias

O Goberno de Carmela Silva destinou en 3 anos 16,5 millóns aos 3 concellos de Tabeirós-Terra de Montes, "o maior investimento da historia da Deputación"

"Non hai actividade, obra ou servizo nos tres concellos nos que non estea a Deputación de Pontevedra. Ningunha administración investiu como este Goberno"


19 setembro 2018
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe, nunha comparecencia na Estrada, que a institución provincial investiu nos tres anos do actual Goberno preto de 17 millóns e medio de euros na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade. "É o maior investimento da historia da Deputación nesta comarca e unha aposta moitísimo máis importante que a que fixo calquera outra administración nestes tres concellos", asegurou a presidenta, "dos que preto de 12 millóns corresponderon ao Plan Concellos e case 5 millóns ás distintas áreas do Goberno provincial".

"Falo de datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un", destacou a presidenta. "Estas son as cifras que ninguén poderá refutar e o que significa é moi importante: que non hai actividade ou servizo nos concellos de menos de 20.000 habitantes que non leven o selo da financiación desta Deputación". Carmela Silva, que relatou todos os datos dos últimos tres anos de investimentos na comarca, engadiu que "ningunha administración investiu como este Goberno nestes concellos que nunca tiveron tantos recursos en toda a historia da democracia".

En liñas xerais, a institución provincial investiu 11,5 millóns de euros no Plan Concellos, máis de 400.000 euros entre o PICEI de 2016 e o Plan de Reequilibrio 2017-2018 que beneficiaron a Forcarei, máis de 300.000 euros en Emprego (e, a maiores, outros case dous millóns do Plan Concellos destinados a esta finalidade), 600.000 euros na área de Cohesión Social e Xuventude, máis de 150.000 euros en Deportes, preto de 300.000 euros en Cultura, máis de 2,7 millóns de euros en Mobilidade, 116.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes, máis de 200.000 euros en Medio Ambiente, outros 80.000 euros na área de Novas Tecnoloxías e máis de 50.000 euros en Turismo.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento de preto de 11 millóns e medio de euros na comarca, con 6.010.500 euros para A Estrada, 3.424.086 euros para Cerdedo-Cotobade e outros 2.004.176 euros para Forcarei. Dentro dos plans para favorecer o equilibrio territorial entre os concellos castigados polo anterior Goberno provincial, Forcarei recibiu 90.000 euros no PICEI para a mellora da sinalización dos núcleos urbanos e outros 312.000 euros (dun orzamento total de 390.000 euros) para reformar o albergue para ximnasio.

Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que "en tres anos financiamos en Tabeirós-Terra de Montes a creación de 233 postos de emprego e de formación, cun investimento de preto de 2.100.000 euros" entre o Plan Concellos, con 1.750.000 €, e os distintos plans de práctica laboral, outros 332.000 €. A través do Plan Concellos "creamos 194 empregos na comarca", sinalou Carmela Silva, que se distribúen da seguinte maneira: 97 na Estrada (883.000 €), 68 en Cerdedo-Cotobade (604.000 €) e 29 en Forcarei (270.000 €).

O investimento da Deputación dentro do Plan de práctica laboral nos concellos foi de 217.500 euros, cun total de 27 bolseiras e bolseiros, e outras 12 persoas, cun importe próximo aos 115.000 €, dentro do Plan de práctica laboral en empresas: un total de 23 na Estrada (300.000 €), 10 en Cerdedo-Cotobade (77.000 €) e 6 en Forcarei (55.000 €).

No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado a Tabeirós-Terra de Montes sitúase en arredor de 600.000 euros: 591.529 € que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a preto de 4.000 veciñas e veciños de 36 asociacións cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu 433.000 € no plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios (do que A Estrada non se beneficiou por ter máis de 20.000 habitantes), 220.000 € en Cerdedo-Cotobade e 212.000 € en Forcarei. Ademais, a institución provincial achegou un total de 60.300 € para axudas de emerxencia (das que A Estrada tampouco se beneficiou polo mesmo motivo): 40.800 € en Cerdedo-Cotobade e 20.000 € en Forcarei.

Así mesmo, a Deputación mellorou a vida das persoas maiores das comarcas a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron 92 homes e mulleres cunha achega de 6.400 €: 54 de Cerdedo-Cotobade e 38 de Forcarei. Nas liñas de axudas a colectivos sociais, beneficiáronse tres colectivos da Estrada con achegas superiores aos 6.000 €.

No que se corresponde cos programas de actividades e de atención cidadá, Carmela Silva sinalou que "mobilizamos a 3.900 persoas das comarcas a través de Depo en marcha, En ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo lazos, DepoRúarte e Depo Aventura A Lanzada". En Depo en marcha participaron 527 persoas (248 da Estrada, 241 de Cerdedo-Cotobade e 38 de Forcarei). En En ruta coa Depo participaron un total de 2.626 persoas (2.145 da Estrada, 318 de Cerdedo-Cotobade e 163 de Forcarei). Un total de 472 persoas (212 da Estrada, 129 de Cerdedo-Cotobade e 131 de Forcarei) gozaron do termalismo de #PontevedraProvincia grazas ao programa Depotermal e outras 31 persoas de Cerdedo-Cotobade reforzaron os lazos afectivos entre distintas xeracións dunha mesma familia grazas aos obradoiros de Tecendo lazos. Para as máis novas e os máis novos, a Deputación de Pontevedra levou as súas actividades de arte urbana no marco de DepoRúarte a 72 mozas e mozos: 60 da Estrada e 12 de Cerdedo-Cotobade, e coa colaboración do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Tamén entre o sector máis novo, 145 menores se beneficiaron dos campamentos de Depo Aventura A Lanzada: 86 da Estrada, 25 de Cerdedo-Cotobade e 34 de Forcarei.

En canto á Mobilidade, a presidenta Carmela Silva lembrou que o investimento foi superior aos 2,7 millóns de euros (2.705.250 €) para a realización de "obras de mellora nas estradas provinciais de Tabeirós-Terra de Montes e distintos plans de mobilidade". Nos últimos tres anos, sinalou, "licitamos e/ou iniciamos obras por importe de máis de dous millóns de euros, 18 actuacións" en viarios da Estrada (648.000 €), Cerdedo-Cotobade (1.322.000 €) e Forcarei (126.000 €). Tamén se financiou cun total de 26.000 € a realización de 3 asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento das obras en Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

Destacan as obras de mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria na EP-7017 Callobre-Ponte Ledesma, EP-7013 Orosa-Orazo, EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo, EP-7102 Serrapio-Portela, EP-0401 Carballedo-Caroi, EP-7001 A Estrada-Forcarei; obras de mellora de drenaxe e capa de rodaxe na EP-7101 Cerdedo-A Portela, EP-7207 Cachafeiro-Vilapouca e a EP-7203 Soutelo-Covas; a construción de muros na EP-7009 Sol-Ancorados; melloras da sinalización na EP-7201 Cachafeiro-Silleda e a EP-7203 Soutelo-Covas; e obras de emerxencia na EP-7001 A Estrada-Forcarei e na EP-0405 Xesteira-Almofrei.

O Plan Móvese achegou máis de 68.000 € á comarca, coa construción de 4 pasos peonís (2 na Estrada e 2 en Cerdedo-Cotobade) e a instalación de 17 redutores de velocidade (13 na Estrada e 4 en Cerdedo-Cotobade). A Deputación investiu nas estradas provinciais localizadas nos concellos da comarca 261.000 € co Plan de sinalización viaria e 184.000 € co Plan de pintado das estradas, así como investiu 71.000 € no Plan de rozas e limpezas para actuar nun total de 221.137 metros.

Na área de Igualdade, o investimento foi de máis de 116.000 € para "fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con máis dun centenar de cursos", sinalou a presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes (na que A Estrada non entraría) para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar 3 actuacións: a redacción dun plan de igualdade en Forcarei e un programa para o fomento da igualdade máis unha campaña contra as violencias machistas en Cerdedo-Cotobade. A través do programa Conectadas, financiáronse 122 cursos por valor de 104.000 € colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e asociacións culturais, achegando formación transversal en igualdade: 104 cursos na Estrada (89.000 €), 15 en Cerdedo-Cotobade (13.000 €) e 3 en Forcarei (3.000 €). Ademais, o programa Mulleres en acción. Violencia zero chegou ás tres vilas cun investimento superior aos 2.000 €.

En canto a Deportes, Carmela Silva sinalou que "investimos máis de 150.000 € en axudas, beneficiando a máis de 40 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e 250 nenas e nenos nas Deporte escolas". A presidenta provincial informou en primeiro lugar da liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores. A presidenta resaltou que "supuxeron un aumento nas cantidades, que se incrementaron en 200.000 € desde 2015 e nos permitiron chegar a un 10 % máis de clubs en toda a provincia". No caso de Tabeirós-Terra de Montes, beneficiaron a 36 clubs de fútbol e asociacións deportivas, 29 da Estrada, 5 de Cerdedo-Cotobade e 2 de Forcarei, cunha achega total de 79.000 €. Ademais, a Deputación investiu 26.000 € na liña de achegas aos clubs de categoría estatal nas súas disciplinas, beneficiando ao Club Bádminton Estradense e ao A Estrada Futsal. No apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas, a institución provincial achegou un total de 20.000 € que permitiron financiar 13 actividades de clubs da Estrada.

Na liña de achegas a deportistas individuais, a Deputación colaborou con 4 deportistas da Estrada e un olímpico de Cerdedo-Cotobade, unha achega próxima aos 10.000 €. Ademais, a Copa Deputación supuxo a participación con éxito de 14 clubs de fútbol por valor de máis de 18.000 €. A Deputación de Pontevedra tamén instalou 12 Deporte escolas nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei, que atenderon a máis de 250 nenas e nenos que practicaron taekwondo ou patinaxe, entre outras. A presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.

Na área de Cultura, a Deputación de Pontevedra investiu preto de 300.000 € para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, das entidades e das comisións de festas de Tabeirós-Terra de Montes. A presidenta lembrou que "cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua. A través deste novo concepto achegamos en tres anos máis de 26.000 €" para desenvolver 22 actividades: 13 na Estrada, 6 en Cerdedo-Cotobade e 3 en Forcarei. Dentro das axudas para a dinamización da lingua galega, cunha liña dirixida a concellos e outra a entidades culturais, destináronse máis de 40.000 € que chegaron aos concellos da Estrada e Cerdedo-Cotobade (24.000 €), e tamén a colectivos sociais da Estrada e Forcarei (16.000 €). Ademais, a institución provincial achegou 31.000 € á rehabilitación e sinalización do patrimonio da Estrada (14.000 €), Cerdedo-Cotobade (2.000 €) e Forcarei (16.000 €). Destacan nesta liña a sinalización dos petróglifos de Fentáns (Cerdedo-Cotobade) ou a conservación e restauración do cruceiro de Mámoa (Forcarei), entre outras. A Deputación tamén investiu 138.000 € na colaboración cos concellos e comisións de festas para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal: 61.000 € na Estrada, 63.000 € en Cerdedo-Cotobade e 14.000 € en Forcarei.

A Deputación tamén investiu máis de 200.000 euros en Medio ambiente para implantar "un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos". A liña de mellora dos montes mediante a creación de parques forestais supuxo ata agora preto de 79.000 € con 4 actuacións nos parques de Tomonde e Coirego (Cerdedo-Cotobade) e nos de Fixo-Portela (Forcarei). A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 3 actuacións na Estrada por valor de 9.000 €. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron a 3 cooperativas da Estrada (2) e Forcarei (1) por valor de 52.000 €.

No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación de Pontevedra sitúase por enriba dos 83.000 € "para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme". No caso da administración electrónica, o investimento foi de 17.000 € para formar a un total de 312 persoas funcionarias (211 da Estrada, 67 de Cerdedo-Cotobade e 34 de Forcarei), e pola súa banda SmartPeme beneficiou a 41 empresas (28 da Estrada e 13 de Forcarei) cun investimento de 66.000 euros.

En canto a Turismo Rías Baixas, o investimento nas comarcas situouse en máis de 52.000 euros. Carmela Silva lembrou que "este Goberno ten unha decidida aposta pola posta en valor do turismo de interior, colaborando cos concellos e cos colectivos das comarcas para a promoción dos seus recursos". O Goberno provincial investiu nestes tres anos 10.000 € en actuacións de promoción nos tres concellos: a Ruta das Camelias e das Maceiras en flor, patrimonio natural, patrimonio literario (Nelida Piñón)… Ademais, na liña de axudas turísticas, 6 achegas por importe de máis de 42.000 € para a Asociación Veciñal de Sabucedo, a Asociación Rapa das Bestas e a Fundación Ceo Ciencia e Cultura para o astroturismo.

A presidenta tamén informou das achegas no apartado de Comunicación, atendendo 11 solicitudes de impresión de carteleira de asociacións da Estrada e Forcarei, con recursos propios da Deputación de Pontevedra.

Tablas dos investimentos do Plan Concellos na Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade.