Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina preto de medio millón de euros a cinco concellos da provincia a través do Plan Concellos 2019

Con estas partidas vaise adquirir material e faranse obras de pavimentación e mellora de vías e espazos públicos na Guarda, Cambados, Moaña, Tui e Lalín


03 febreiro 2019
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos investimentos nun total de cinco municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase dun total de cinco partidas por un total de 415.257,57 euros para diversas actuacións na Guarda, Cambados, Moaña, Tui e Lalín.

Para A Guarda, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida de 82.781,33 € para financiar a urbanización da baixada a San Caetano entre o nº 12 e o nº 36. A través do Plan Concellos, A Guarda ten este ano á súa disposición 808.965,46 euros, un 2,9 4 % máis que no exercicio anterior.

No caso de Cambados, o Goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha achega de 74.433,85 euros para financiar a pavimentación de beirarrúas e zonas de estacionamento na rúa Sevilla. Este ano, a través do Plan Concellos, Cambados ten á súa disposición 978.374,84 euros, un 2,84 % máis que o ano pasado.

Para Moaña, o Goberno provincial autorizou un investimento de 89.899,99 euros para financiar o plan de asfaltados municipais do 2019. En total, a través do Plan Concellos, a institución provincial pon á disposición de Moaña este ano un total de 1.019.967,75 euros, un 2,9 % máis que no exercicio anterior.

No que respecta a Tui, a Deputación de Pontevedra deulle o visto bo a unha partida económica de 74.972,40 euros destinados ao convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello de Tui para a execución do proxecto de mellora da seguridade viaria no núcleo Torre-Paramos, actuación que tamén está financiada co Plan DepoRemse da Deputación. Este ano, a través do Plan provincial, o Goberno de Carmela Silva destina a Tui 1.063.437,44 euros, un 3,25 % máis que no exercicio do ano pasado.

Finalmente para Lalín, a institución provincial tamén lle deu o visto bo a unha partida económica de 93.170 euros adquirir o equipamento necesario para a exposición permanente do Museo Galego das Marionetas. Este ano, a través do Plan provincial, a Deputación de Pontevedra destina a Lalín 1.602.560,57 euros, un 4,36 % máis que no exercicio anterior.