Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina arredor de 800.000 euros para poñer en marcha 21 accións formativas do proxecto "Labora" 2020

Ata 9 concellos da provincia vanse beneficiar desta iniciativa, que ten por obxectivo mellorar a formación e a integración das persoas desempregadas en situacións vulnerables


29 decembro 2019
LABORA 2020

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno a adxudicación, mediante procedemento aberto, do contrato para a prestación de servizos de formación no marco do proxecto "Labora" 2020, que comprende o desenvolvemento de 21 accións formativas, con 6 itinerarios diferentes, en 9 concellos da provincia. A institución provincial destina, concretamente, 751.937,41 euros a este proxecto.

En canto aos itinerarios, o primeiro deles, "Actividades auxiliares e de almacén", foilles adxudicado a Autoescola Cíes en Barro, ao Campus CIP en Cambados e a Pixfor no Porriño. O segundo, "Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais", terá lugar en Vigo, a cargo de G12 Grupo Empresarial de Servizos. "Dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil" foilles adxudicado a Magnafor Qualitas en Pontevedra e a G12 Grupo Empresarial de Servizos en Vigo; este itinerario conta con dúas edicións en cada concello. O cuarto, "Socorrismo en instalacións acuáticas", tamén será en Vigo e correrá a cargo de G12 Grupo Empresarial de Servizos. O quinto itinerario, "Operacións básicas de restaurante bar", terá lugar en Cambados, Soutomaior e Vigo (con dúas edicións neste último concello) e adxudicóuselle a Grupo Avantfor. Por último, "Competencias clave para a obtención do nivel 2 (galego, lingua e matemáticas)" adxudicóuselles a Pixfor en Cangas, a Fesan Fundación de Estudo e Análise en Lalín, a Kaeme Consultoría e Prevención en Vilagarcía de Arousa, a Norformación no Porriño e Pontevedra e a G12 Grupo Empresarial de Servizos en Vigo (estes dous últimos concellos contarán con dúas edicións).

Ademais da formación específica, o proxecto inclúe xornadas informativas de activación e de intercambio de experiencias e boas prácticas en cada un dos itinerarios, así como accións específicas sobre a igualdade, a non discriminación e o desenvolvemento sustentable. Todos os itinerarios que conducen á obtención de certificados de profesionalidade contemplan a realización de prácticas profesionais non laborais. As accións formativas terán un mínimo de 10 participantes e un máximo de 15, o que supón que ata 315 persoas se poderán beneficiar de "Labora" 2020.

O proxecto, que ten un orzamento total de case 5 millóns de euros e conta cunha financiación do Fondo Social Europeo 2014-2020 de arredor de 4 millóns, ten por obxectivo mellorar a formación  e a empregabilidade das e dos habitantes da provincia. Así, "Labora" 2020 está dirixido a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e que pertenzan a colectivos vulnerables (persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos, persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e comunidades marxinadas).