Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina preto de 700.000 euros para oito novos proxectos en concellos da provincia

As achegas, enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017, están destinadas a reformar rúas municipais, a mellorar sendas peonís e ciclistas, ao saneamento e a acondicionar paseos fluviais, centros culturais e espazos públicos nos concellos de Agolada, Lalín, Moaña, Pazos de Borbén, Redondela, O Rosal e Tomiño


09 xuño 2017
Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 700.000 euros para que sete concellos da provincia poidan acometer oito novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse das achegas Agolada, Lalín, Moraña, Pazos de Borbén, Redondela, O Rosal e Tomiño para, tal e como informou a presidenta provincial, "levar a cabo reformas de rúas así como melloras no saneamento e proxectos de sendas peonís e ciclistas, paseos fluviais, centros culturais e espazos públicos".

Carmela Silva subliñou que "coas axudas aprobadas esta mañá, que ascenden a preto de 700.000 euros, levamos xa distribuídos case 14,4 millóns de euros, é dicir, o 56 % da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 euros". A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas "sen as que os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, impulsar novos investimentos ou novos proxectos en beneficio das súas veciñas e veciños".

O Concello de Agolada recibirá 97.248,21 euros para a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de formigón. Con esa aprobación, o concello ten xa adxudicado o 100 % do Plan Concellos a través do cal a Deputación de Pontevedra achega 506.741,11 euros á vila.

No caso de Lalín, o Goberno da institución provincial aprobou destinar 76.468,25 euros para acondicionar o paseo fluvial do río Pontiñas e a zona do Auditorio de Lalín. Ata o momento, Lalín ten adxudicado o 54,85 % do orzamento do Plan Concellos que lle corresponde para este ano.

Pola súa banda, Moaña recibirá 171.380,13 euros dos cales, segundo informou Carmela Silva, 99.380,13 euros serán para a reforma do Centro cultural Daniel Castelao e 72.000 euros para o acondicionamento da antiga Casa do Concello e praza de Abastos. Con estas achegas, Moaña ten o 62,81 % do Plan Concellos 2017 aprobado.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar 76.479,62 euros para que Pazos de Borbén invista na senda peonil e ciclista entre Moscoso e Xunqueiras. O concello ten, ata o momento, o 85,19 % do orzamento que lle corresponde do Plan Concellos deste ano.

No caso de Redondela, o concello recibirá 88.365,26 euros para o saneamento no barrio das Nogueiriñas, O Viso e Redondela. Con esta aprobación, o concello ten xa adxudicado o 52,34 % do Plan Concellos 2017.

Pola súa banda, O Rosal recibirá 71.995 euros para a mellora parcial da estrada de Couselo. Esta achega, sumada ás xa aprobadas ata o momento no Concello, significan o 40 % do orzamento que lle corresponde ao Rosal do Plan Concellos 2017.

Ademais, Tomiño beneficiarase de 103.792,97 euros para o financiamento de investimentos na senda peonil no camiño novo. No caso deste concello, con esta aprobación, ten adxudicado o 71,62 % do Plan Concellos deste ano.