Noticias

O goberno de Carmela Silva destina preto de 262.000 € a Mos para a humanización da avenida de Puxeiros

A Deputación de Pontevedra xa investiu en Mos máis do 52,5% das achegas que lle corresponden ao municipio no marco do Plan Concellos 2017


31 marzo 2017
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas ao abeiro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2017, para o concello de Mos. En concreto, a través desta achega de 261.858 € o concello poderá levar a cabo investimentos para  a humanización da Avenida de Puxeiros, entre a Glorieta da estrada Puxeiros-Mos e o acceso á A-55 no PK-9 da vila.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que "esta se trata dunha nova achega xa que ata o momento se aprobaron preto de medio millón de euros para o concello de Mos, o que significa que xa se concedeu á vila o 52,5% das achegas correspondentes ó Plan Concellos 2017". En concreto, amais do aprobado esta semana, Mos recibiu xa 100.479,20 € para a contratación de 5 persoas para garantir os servizos municipais e 130.869,12 € para o financiamento da estabilización do terraplén no vial Xeneroso Domínguez.

Carmela Silva tamén engadiu que ata o momento o investimento total aprobado relativo á liña 1 do Plan Concellos sitúase en máis de 1,3 millóns de € e recordou que este ano "dispoñemos dun investimento de 25.750.000 €, 750.000 € máis que o ano pasado, o que supón o 62,5% do conxunto do Plan Concellos 2017, que está dotado con 41,2 millóns de €, o 3% máis que no 2016".


Novas relacionadas