Noticias

O goberno de Carmela Silva destina preto de 200.000 € a Cangas para a contratación de 29 persoas ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

A Deputación de Pontevedra leva investido en menos de dous meses preto de 8 millóns de euros, o 85% da liña 3 do Plan Concellos, o que supón máis de 1.000 persoas empregadas en 54 concellos da provincia


25 marzo 2017
Xunta de Goberno

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a décima concesión, nesta ocasión por un total de 196.364,66 €, no marco da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017, que nesta ocasión vai parar ao concello de Cangas do Morrazo para a contratación de 29 persoas.

Carmela Silva sinalou que "con esta nova achega de preto de 200.000 euros a Deputación de Pontevedra xa leva preto de 8 millóns de euros investidos ao abeiro da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017". A través destas achegas, explicou a presidenta provincial, "xa creamos máis de 1.000 empregos, 1.021, en 54 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra" para a garantía e o mantemento dos diversos servizos municipais que prestan os municipios. Este investimento total, que ascende á cantidade de 7.852.113,54 €, supón o 85% do orzamento da liña 3 para este exercicio.

Este ano a achega total á liña 3 do Plan Concellos 2017 está situada en 9.270.000 €. Esta cifra supón o 22,5% da totalidade do Plan que, neste exercicio 2017, conta con 41,2 millóns de euros, o que se traduce nun 3% máis que o ano pasado.