Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina preto de 100.000 euros a Ponte Caldelas a través do Plan Concellos 2019

Con este investimento o Concello poderá financiar a mellora de viais nos lugares de Esfarrapada, O Sobreiro, Tourón, Taboadelo e Pazos


10 decembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, aprobou este luns unha nova achega para o Concello de Ponte Caldelas por un total de 98.603,83 euros, no marco da liña 1 do Plan Concellos 2019, coa que financiará as obras de mantemento e mellora da rede de camiños municipais, nos lugares de Esfarrapada, O Sobreiro, Tourón, Taboadelo e Pazos. Este ano a Deputación puxo á disposición dos concellos da provincia o adianto da Liña 1 do Plan 2019 para os concellos que quixeran adiantar obras de máis envergadura, como foi o caso de Ponte Caldelas.

Nos tres anos e medio de mandato o Goberno de Carmela Silva destinou a Ponte Caldelas máis de 4,3 millóns de euros. Só co Plan Concellos, a Deputación financiou ata 40 proxectos no municipio por case millón e medio de euros. Ademais, a institución provincial xa adxudicou o 100 % dos investimentos solicitados por Ponte Caldelas ao abeiro do Plan Concellos deste ano 2018, polo cal tivo á súa disposición 956.080,08, un 75,30 % máis que o ano anterior.

Con estas achegas Ponte Caldelas puido financiar este ano a humanización dos xardíns de Xerardo Carballal, por 287.876,54 euros; a mellora da pavimentación na vila, por 311.454,36 euros; e a inversión nun servidor e sai para a casa consistorial, por 5.895,12 euros. Ao abeiro da liña 2, Ponte Caldelas recibiu 53.122,55 euros para as actuacións musicais na Festa das Dores e para a asistencia técnica para a contratación do servizo de xestión de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria. En canto á liña 3 de emprego, 122.698,16 euros foron destinados á contratación de 10 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.