Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina medio millón de euros a máis de cincuenta clubs de piragüismo, remo e vela da provincia

As achegas distribúense en 270.000 euros para 28 clubs deportivos de piragüismo, 150.000 para 17 entidades de remo e 80.000 € para 10 clubs de vela


20 outubro 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións por valor de medio millón de euros a un total de 55 clubs náuticos, catro máis que na convocatoria do ano pasado, pertencentes a 23 concellos da provincia. Máis polo miúdo, benefícianse desta liña de axudas 28 clubs de piragüismo, que recibirán 270.000 euros; 17 de remo, aos que a Deputación achegará 150.000 euros; e 10 clubs de vela aos que se destinarán 80.000 euros.

Esta liña de subvencións, ás que os clubs puideron optar por concorrencia competitiva, teñen por obxectivo apoiar ás entidades de deporte náutico provinciais que participan en ligas e competicións oficiais provinciais, autonómicas ou nacionais convocadas por federacións deportivas galegas ou nacionais. Máis polo miúdo, as achegas permiten cubrir gastos de carácter corrente ou de adquisición de materiais funxibles durante a presente temporada.

Na comarca do Baixo Miño beneficiáronse destas subvencións un club de piragüismo de Tomiño, un de remo da Guarda e catro clubs de Tui, un de remo e tres de piragüismo. En canto ao Val Miñor, un club de vela de Baiona.

Pola súa banda, na comarca de Vigo recibiron achegas un club de piragüismo de Soutomaior, dous de remo de Redondela e once clubs de Vigo, catro de vela, cinco de remo e dous de piragüismo. No Morrazo, son beneficiarios destas subvencións seis clubs de Cangas, dous de vela, un de remo e tres de piragüismo; un de remo de Bueu, e dous de Moaña.

Na comarca do Salnés recibiron dita subvención tres clubs de Sanxenxo, un de vela e dous de piragüismo; tres do Grove, dous de remo e un de piragüismo; dous clubs de Vilagarcía de Arousa, un de remo e outro de piragüismo; un club de piragüismo de Cambados, un de Catoira; un da Illa, un de Pontecesures e un de Ribadumia.

Por último, na comarca de Pontevedra recibirán esta achega tres clubs de Marín, un de vela, un de remo e un de piragüismo; tres de Poio, un de vela e dous de piragüismo; un de piragüismo de Caldas de Reis, outro de Vilaboa e catro de Pontevedra.