Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de un millón de euros a seis concellos da provincia a través do Plan Concellos 2019 da Deputación

Con estas partidas vaise adquirir material e faranse obras de pavimentación e mellora de vías e espazos públicos no Rosal, Valga, Cambados, Bueu, Caldas de Reis e Lalín


28 xaneiro 2019
Plan Concellos 2019

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de seis municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase dun total de seis partidas por un total de 1.120.374,48 euros para diversas actuacións no Rosal, Valga, Cambados, Bueu, Caldas de Reis e Lalín.

Para Cambados, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida de 100.000 € para financiar a aportación municipal do proxecto de obras de substitución da envolvente e actualización das instalacións da piscina climatizada no Complexo Polideportivo do Pombal. A través do Plan Concellos, Cambados ten este ano á súa disposición 978.374,84 euros, un 2,84 % máis que o no exercicio anterior.

No caso de Valga, o Goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha achega de 363.782,46 euros para financiar a pavimentación de diversas estradas municipais na vila. Este ano, a través do Plan Concellos, Valga ten á súa disposición 538.232,16 euros, un 5,54 % máis que o ano pasado.

Para O Rosal, o Goberno provincial autorizou un investimento de 142.000 euros para adquirir un vehículo para a recollida do lixo. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra pon a disposición do Rosal este ano un total de 583.312,29 euros, un 3,11 % máis que no exercicio anterior.

Para Bueu a institución provincial aprobou un investimento de 62.416,29 euros para financiar a aportación municipal do proxecto reurbanización integral da rúa A Pedra, actuación enmarcada ao abeiro do Plan DepoRemse. A través do Plan Concellos, Bueu ten este ano á súa disposición un total de 850.197,75 euros, un 3,16 % máis que en 2018.

No que respecta a Caldas de Reis, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 77.108,96 euros destinados á reposición de canalizacións na rúa Fornos. Este ano, a través do Plan Provincial, o Goberno de Carmela Silva destina a Caldas de Reis 733.577,55 euros, un 3,23 % máis que no exercicio do ano pasado.

Finalmente para Lalín, a institución provincial tamén lle deu o visto bo a unha partida económica de 375.066,77 euros para levar a cabo o afirmado de viarios municipais. Este ano, a través do Plan provincial, a Deputación de Pontevedra destina a Lalín 1.602.560,57 euros, un 4,36 % máis que no exercicio anterior.