Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de medio millón de euros do Plan Concellos a outros tres municipios para a contratación de 59 persoas

Campo Lameiro, A Estrada e Marín son as vilas que se van beneficiar destas novas achegas da liña 3 do Plan Concellos 2018


03 marzo 2018
Plan concellos 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a sexta relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do Plan Concellos 2018. Así, tal e como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, Campo Lameiro, A Estrada e Marín son as vilas que van recibir máis de medio millón de euros para a contratación de 59 persoas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que Campo Lameiro destina 83.000 euros para 10 postos de traballo relacionados coa construción, albanelería, condución, socorrismo, e para traballos forestais.

Á Estrada, o Goberno de Carmela Silva achega 350.662,23 euros para contratar a 33 persoas que ocuparán postos de traballo relacionados coa conserxería, albanelería, pintura, fontanería, limpeza, e electricidade. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra destina a Marín 106.004,16 euros para contratar a 16 persoas para desempeñar tarefas relacionadas coas obras públicas e conserxería.

Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, é dicir, un 2,5 % máis que no 2017. Coas achegas aprobadas en Xunta de Goberno para os concellos de Campo Lameiro, A Estrada e Marín, "xa está concedido o 62,1 % da liña 3, é dicir, preto de 6 millóns de euros que están a beneficiar xa a 39 vilas da provincia e a máis de 670 traballadores e traballadoras", segundo informou a presidenta da Deputación.