Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de medio millón de euros a outros tres municipios da provincia a través do Plan Concellos

A presidenta provincial resaltou que "con Meis xa son 51 os concellos que recibiron o 100 % das achegas que solicitaron ao abeiro do Plan Concellos deste ano"


30 novembro 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos investimentos en tres municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase dun total de tres partidas por un total de 531.821,69 euros coas que Meis, Tomiño e Marín poderán levar a cabo novas actuacións. No caso de Meis trátase da última achega coa que pecha o Plan Concellos 2018 e no caso de Marín xa é a primeira do Plan provincial do ano 2019. Na súa intervención en rolda de prensa, Carmela Silva resaltou que "coa achega que recibe Meis xa son 51 os concellos da provincia que xa adxudicaron o 100 % do Plan Concellos deste ano.

Máis polo miúdo, para Meis, a institución provincial aprobou unha achega de 219.682,5 euros para a rehabilitación da edificación da Casa Reitoral para Centro Social de San Martiño. Con esta última partida económica do Plan Concellos, a vila completa os seus investimentos. Este ano, a través do Plan provincial, o Goberno de Carmela Silva puxo a disposición de Meis 820.384,56 euros, o que supón un 72,57 % máis que no exercicio anterior.

No caso de Tomiño, a Deputación destinará 180.000 euros para financiar o acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán de Amorín. A través do Plan Concellos, Tomiño tiña este ano a súa disposición un total de 2.108.461,25 euros, o que supón un 76,24 % máis que en 2017.

Tamén a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 132.139,19 euros para Marín que serán destinados a financiar a pavimentación da rúa Alcalde Ezequiel Massoni. Este é o primeiro investimento para a vila con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019, unha vez aberto o pasado 1 de novembro o prazo de presentación de proxectos. Este ano 2018, a través do Plan, a Deputación de Pontevedra puxo a disposición de Marín un total de 1.771.748,31 euros, o que supón un 72,49 % máis que no exercicio anterior.