Noticias

O goberno de Carmela Silva destina máis de dous millóns de euros a sete concellos da provincia a través do Plan Concellos da Deputación

Con estas partidas faranse obras de pavimentación, acondicionamento, e mellora e reforma de espazos e vías en Tomiño, Nigrán, Tui, Campo Lameiro, Arbo, Moaña e Ponteareas


22 decembro 2018
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de sete municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase dun total de dez partidas por un total de 2.099.917,5 euros para diversas actuacións en Tomiño, Nigrán, Tui, Campo Lameiro, Arbo, Moaña e Ponteareas. A presidenta, Carmela Silva, sinalou que nos próximos días se pechará ao completo o Plan 2018 "que volve a demostrar que non hai obra en todos os concellos da provincia que non estea financiadas pola Deputación de Pontevedra".

En primeiro lugar, o goberno autorizou para Tomiño  dúas achegas por un valor total de 870.000 euros. Máis polo miúdo, 440.000 euros serán destinados ao acondicionamento da contorna da Praza de Figueiró e outros 430.000 euros para financiar a ampliación e mellora da accesibilidade da Alameda de Goián Fase II. Estas son as últimas achegas do Plan Concellos 2018 para a vila que completa desta maneira os seus investimentos. A través do Plan Concellos, Tomiño tiña este ano  a súa disposición 2.108.461,25 euros, un 76,24% máis que o ano pasado.

Para Nigrán a institución provincial aprobou outros dous investimentos por un valor total de 243.976,5 euros. Máis polo miúdo, 101.245,21 euros para financiar a mellora na rúa do Ceán (Nigrán) e outros 142.731,29 euros para a pavimentación de diversos camiños na parroquia de Camos. Trátase da última achega do Plan Concellos deste ano para a vila que completa así os seus investimentos. A través do Plan Concellos, Nigrán tiña este ano a súa disposición un total de 1.709.211,78 euros, un 76,21% máis que en 2017.

No que respecta a Tui, a institución provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 70.526,88 euros para financiar a restauración do xardín histórico da alameda da vila. Esta é a última achega do Plan Concellos deste ano para Tui que pecha así os seus investimentos. Este ano, a través do Plan Provincial, o goberno de Carmela Silva destinou a Tui 1.769.637,16 euros, un 76,35% máis que no exercicio do 2017.

Para Campo Lameiro, o Goberno provincial autorizou un investimento de 150.000 euros para o Centro de Estancia en Campo Lameiro. Este é o primeiro investimento para a vila con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019, unha vez aberto o pasado 1 de novembro o prazo de presentación de proxectos. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra puxo a disposición de Campo Lameiro este ano un total de 632.457,66€, un 73,88% máis que en 2017.

No caso de Arbo, o goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha achega de 170.144,59€ para financiar o ensanche e pavimentación do vial municipal Pidival-Meixoeiro-Mourentan. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra puxo a disposición de Arbo este ano un total de 734.619,17 euros, un 73,44% máis que no exercicio anterior.

Pola súa banda, para Moaña a Deputación deulle o visto bo a unha partida económica de 250.000 euros para financiar o acondicionamento da planta alta da Praza de Abastos para Viveiro de Empresas. Este ano, a través do Plan Concellos, Moaña ten a súa disposición 1.700.604 euros, un 76,15% máis que o ano pasado.

Finalmente, o goberno de Carmela Silva tamén lle deu o visto bo a dúas partidas económicas por un valor total de 345.269,53 euros para Ponteareas. En concreto, 73.892,12 eur0s para financiar as labores de mantemento e conservación do camping A Freixa e 271.377,41 euros que se destinarán ao proxecto de saneamento e mellora integral do alto da Gloria-Fontenla. Este ano, a través do Plan Provincial, a Deputación de Pontevedra destina a Ponteareas 1.984.813,32 euros, un 73,55% máis que no exercicio anterior.