Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de 750.000 euros ao deporte federado de ámbito nacional da provincia

As axudas, dirixidas a apoiar a participación dos equipos en competicións oficias, beneficiarán a 75 clubs de máis de 10 modalidades distintas


10 agosto 2019
deporte federado de ámbito nacional da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de 754.000 euros en axudas aos clubs deportivos que participen en competicións federadas no ámbito nacional para o ano 2019. O obxectivo destas subvencións é apoiar os clubs da provincia na súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito nacional convocadas por organismos ou federacións deportivas galegas ou españolas.

Tal e como informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, con esta liña de axudas destínanse 754.000 euros para 75 clubs de 21 concellos da provincia, en concreto para equipos de Vigo, A Estrada, As Neves, Pontevedra, Cangas, Bueu, A Cañiza, O Grove, Lalín, Redondela, O Rosal, A Guarda, Nigrán, Ponteareas, Sanxenxo, O Porriño, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Marín e Pazos de Borbén. Entre os beneficiarios destas subvencións hai representados multitude de deportes, como por exemplo atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol, fútbol sala, tenis de mesa, voleibol ou rugby, entre outros. "Isto demostra que seguimos dando pasos no noso compromiso absoluto co deporte. De feito, somos a administración que máis aposta polo deporte na provincia", enxalzou Silva.

Dentro das axudas ao deporte, todas convocadas con bases e criterios técnicos e obxectivos, a Deputación xa aprobou en xuño a concesión de subvencións para clubs deportivos que compiten no ámbito inferior a nacional por un importe total de 650.000 euros, e que benefician a un total de 576 clubs de 58 concellos da provincia.