Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de 150.000 euros para a contratación de 25 persoas para Agolada e Dozón

A día de hoxe xa está concedido o 90,4 % desta liña de Emprego, beneficiando a 56 concellos da provincia e empregando a preto de 1016 persoas


21 abril 2018
plan concellos 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do "Plan Concellos 2018". Así, Agolada e Dozón son as localidades que van recibir 151.169,63 euros para que poidan contratar un total de 25 persoas traballadoras.

Máis polo miúdo, Agolada recibirá 114.761,63 euros cos que poderá contratar a 17 persoas para elaborar traballos de condución, limpeza, obras, conserxería e tratamento de augas. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra destinará a Dozón 36.408 euros para contratar a 8 persoas que elaborarán traballos de limpeza.

Con estas achegas, tal e como informou Carmela Silva, "ata o momento xa se concederon 8.620.640,52 euros, é dicir, o 90,4 % da liña 3, beneficiando a 56 concellos da provincia e empregando a 1016 persoas." Este ano a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, un 2,5 % máis que no 2017.