Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de 1,7 millóns de euros a outros dez concellos da provincia para a contratación de 200 persoas

Poio, Ponteareas, Pontecesures, Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, A Illa de Arousa, Rodeiro e Tomiño son as vilas que se van beneficiar das achegas da liña 3 do Plan Concellos 2018


03 febreiro 2018
plan concellos 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a segunda relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do "Plan Concellos 2018". Así, tal e como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, A Illa de Arousa, Rodeiro e Tomiño son as vilas que van recibir máis de 1,7 millóns de euros para a contratación de 200 persoas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que Poio, con 234.617,87 euros, vai contratar a 31 traballadoras e traballadores para desempeñar diferentes postos como oficiais, na limpeza e servizos múltiples, albanelería, electricista, dinamización cultural, conserxería, traballo social e coa mocidade, condución, atención turística e auxiliares de clínica.

A Ponteareas o Goberno de Carmela Silva achega 262.060 euros para contratar a 35 persoas para desenvolver tarefas relacionadas co medio ambiente, administración, puericultura, cociña, deportes, imaxe e son, atención turística así como vías e obras. Pola súa banda, destina 80.437,53 euros para que Pontecesures conte con 9 persoas para executar obras públicas, realizar tarefas de limpeza, protección civil e conserxería.

Ademais, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 96.713,18 euros para que Barro poida contratar a 13 persoas para transporte, conserxería, albanelería, conservación de parques e xardíns e animación sociocultural. No caso de Caldas de Reis, destina 160.735,42 euros para que empregue a 10 persoas para desenvolver tarefas como a condución de máquinas, obras públicas e limpeza.

O Goberno de Carmela Silva achega tamén 215.155,76 euros a Cambados para que contrate a 24 traballadoras e traballadores para condución de minipa e realización de tarefas relacionadas co medio ambiente, cultura, traballo social, arquitectura técnica, coidado de cans, mantemento e limpeza. Pola súa banda, A Guarda, con 164.699,59 euros, poderá contratar a 18 persoas para o camión lixo, tarefas de albanelería, roza, limpeza, medio ambiente, informática, atención turística e conserxería.

Tamén aprobou a Xunta de Goberno da Deputación 93.463,52 euros para que A Illa de Arousa empregue a 14 persoas para axuda no fogar e servizos múltiples. Ademais, Rodeiro vai recibir 115.086,36 euros para contratar a 18 traballadoras e traballadores para tarefas de traballo social, tempo libre, educación social, administración e educación infantil.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra vai destinar 277.327,45 euros para que Tomiño contrate a 25 persoas para tarefas de xardinería, carpintería, electricista, administración, educación social, enxeñería técnica forestal, construción, condución de retroescavadora ou mecánica.

Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, é dicir, un 2,5 % máis que no 2017. Coas achegas aprobadas en Xunta de Goberno para os concellos de Poio, Ponteareas, Pontecesures, Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, A Illa de Arousa, Rodeiro e Tomiño, "está distribuída xa o 31,4 % da liña 3, é dicir, preto de 3 millóns de euros que están a beneficiar xa a 19 localidades da provincia", segundo informou a presidenta provincial.