Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina este ano medio millón de euros aos clubs de piragüismo, vela e remo da provincia

As achegas distribúense en 270.000 euros para os clubs deportivos de piragüismo, 150.000 para aqueles centrados no remo e 80.000 € para os que se dedican á vela


14 abril 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra 13/04/2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as subvencións destinadas a clubs de piragüismo, vela e remo da provincia por valor de medio millón de euros. Estas achegas, ás que os clubs poden optar por concorrencia competitiva, teñen por obxectivo apoiar ás entidades de deporte náutico provinciais que participan en ligas e competicións oficiais provinciais, autonómicas ou nacionais convocadas por federacións deportivas galegas ou nacionais para subvencionar gastos de carácter corrente ou de adquisición de materiais funxibles durante a presente temporada.

Máis polo miúdo, Carmela Silva informou que o medio millón de euros desta convocatoria distribúense en 270.000 euros para clubs deportivos de piragüismo, 150.000 para aqueles centrados no remo e 80.000 € para os que se dedican á vela. O ano pasado, tal e como asegurou a presidenta da Deputación, acadaron subvencións ata 51 clubs deportivos náuticos pertencentes a 23 concellos da provincia. "En concreto –destacou Silva– 27 eran clubs de piragüismo, 15 de remo e 9 eran entidades dedicadas á vela".

As bases aprobadas, en réxime de concorrencia competitiva, valorarán desde o número de licenzas federativas ata o ámbito de competición do club, a memoria técnica-deportiva, o número de equipos participantes por categoría, os clubs que compiten con licenzas masculinas e femininas, os que compiten con licenzas de deporte adaptado e o orzamento de gastos do club, entre outras cuestións.

Todos os clubs interesados en beneficiarse da convocatoria terán de prazo para presentar a súa solicitude desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO ata o 18 de maio.