Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina 220.000 euros a 43 concellos da provincia para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas

Trátase da cuarta convocatoria desta liña de axudas para impulsar actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria


20 setembro 2019
Subvención igualdade concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2019. Trátase da cuarta convocatoria desta liña de axudas, a través da cal a institución provincial achegará 220.000 euros a 43 concellos da provincia.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que o obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen actuacións a prol dunha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas. A presidenta provincial tamén lembrou que recentemente, no mes de agosto, se aprobaron as subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. "A Deputación de Pontevedra destina recursos para os concellos e para os colectivos para loitar contra os asasinatos de mulleres. Mentres, en Andalucía, o Partido Popular e Ciudadanos, da man de Vox, están a retirar subvencións aos colectivos que traballan pola violencia de xénero".

En canto á liña de subvencións aprobadas na Xunta de Goberno, estas axudas permitirán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, iniciativas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (incluídas fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo); tamén programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres, e accións encamiñadas á elaboración do Plan municipal de igualdade. Ademais, a través destas subvencións os concellos tamén poderán crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, familiar e profesional; actividades dirixidas ao alumnado, profesorado e familiares, e campañas de difusión e sensibilización para a cidadanía en materia de igualdade.

Audios

  • Audio