Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina 130.000 euros á Estrada que chega así ao 100 % do Plan Concellos 2017

A Estrada recibe este ano máis dun millón e medio de euros


01 decembro 2017
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha nova achega para o Concello da Estrada por valor de 130.000 euros. Con este investimento, co que o concello de Tabeirós chega ao 100 % do Plan Concellos 2017, poderá levar a cabo a adecuación do Museo do Pobo Estradense "Manuel Reimóndez Portela".

Anteriormente, A Estrada xa recibira 1.434.821,33 euros cos que puido levar a cabo a pavimentación de vías no concello, a adquisición de soportes para colectores, a adquisición de colectores, a pavimentación de vías urbanas, a merca de paneis informativos a adquisición de marquesiñas para a vila e adquirir mobiliario urbano, todo isto ao abeiro da liña 1 de Investimentos. Xunto a estas actuacións, a institución provincial tamén aprobou achegas para actividades diversas na Estrada como a Festa Cabalar de Pascua e San Martiño, as Escolas Deportivas Municipais, os torneos 3x3 das Festas de San Paio, as marcas cicloturistas BTT "Rapa das Bestas e Salmón", a XLVI Festa do Salmón, o conservatorio profesional de música, o Año ao espeto, a Cabalgata de Reis, así como para a festa da bicicleta e os programas "Outono no Principal", "Ruralizarte", o "Campus de Verán" ou os "Circuítos de Carreiras". Ademais, A Estrada tamén recibiu da Deputación de Pontevedra 306.439,38 euros para a contratación de 30 persoas para garantir os servizos municipais na vila.

Polo tanto, con esta última achega, A Estrada xa ten recibido o 100 % do Plan Concellos 2017, isto é 1.564.821,33 euros. Así, a Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas na provincia por valor de máis de 40 millóns de euros, é dicir, máis do 97 % do plan.