Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina 1,2 millóns de euros para a contratación de 130 persoas en dez concellos da provincia

A achega, enmarcada na Liña 3 do Plan Concellos 2020, beneficiará a Arbo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos de Montes, Marín, As Neves, Oia, Portas, Rodeiro e Salvaterra de Miño


31 xaneiro 2020
Plan Concellos 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a segunda concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego, cunha achega de 1.200.863,04 euros para dez concellos da provincia. En concreto, como adiantou a presidenta Carmela Silva, esta consignación permitiralles aos concellos de Arbo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos de Montes, Marín, As Neves, Oia, Portas, Rodeiro e Salvaterra de Miño contratar un total de 130 traballadoras e traballadores municipais.

"Seguimos a ser a administración que pon a disposición dos concellos os recursos para poder garantir recursos e dereitos", destacou Silva. As persoas contratadas dedicaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, e son os propios concellos os que solicitarán os postos necesarios a través destas subvencións.

Con esta nova achega da Deputación, o concello de Arbo poderá contratar 13 persoas que realizarán tarefas de mantemento de edificios, horticultura e xardinería, traballos forestais, conservación de parques, condución de vehículos, manexo de maquinaria e servizos de axuda no fogar. Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade empregará 21 persoas para traballos de soldadura de estruturas metálicas lixeiras, encofrado, cantería, pintura de vías urbanas, mecánica, condución, servizos forestais, poda e desbrozado e tarefas relacionadas co medio, mentres que Covelo contratará 16 persoas para labores de  limpeza, mecánica, tarefas forestais, albanelería, condución de camións, carpintería e socorrismo.

Con respecto a Fornelos de Montes, a achega do Plan Concellos permitirá a contratación de 9 persoas, nas que se incluirán oficiais tractoristas e persoal para os servizos de limpeza, asfaltado e xardinería. En Marín, 13 persoas farán traballos de obras públicas e conserxería, mentres que nas Neves realizaranse 11 contratacións para traballos forestais, obras públicas, condución, recollida de lixo, conserxería e fontanería.

Tanto Salvaterra de Miño como Rodeiro poderán empregar 16 traballadoras e traballadores. No primeiro caso, o persoal contratado a través desta liña do Plan Concellos dedicaranse a labores de condución, información turística, limpeza, animación sociocultural, recollida de lixo, construción, albanelería, fontanería e servizo de cobramento; e en Rodeiro ocuparanse de tarefas de traballo social, profesorado de infantil, educación social, administración e servizos básicos.

Por último, o concello de Oia empregará 8 persoas en tarefas forestais, recollida de lixo, albanelería e maquinaria forestal; e en Portas 7 persoas realizarán tarefas de condución e traballos nos servizos de limpeza, xardinería e obras públicas.

Audios

  • Audio