Noticias

O Goberno de Carmela Silva da un paso máis para converter ao pazo de Liñares nun referente nacional e internacional do coñecemento arqueolóxico

A Deputación abrirá o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico a persoal investigador, profesionais e estudantes de posgrao, nacionais e estranxeiros, para que poidan formarse e traballar no pazo


10 novembro 2017
Pazo de Liñares nun referente nacional e internacional do coñecemento arqueolóxico

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, deron a coñecer esta mañá aqueles proxectos que o Goberno provincial está a implantar no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, situado no pazo de Liñares de Lalín, para convertelo nun referente nacional e internacional.  En liñas xerais, tal e como remarcou Silva, "a través deste espazo estase a afondar no mellor coñecemento arqueolóxico dos restos atopados en Galicia en xacementos galaico–romanos e, co impulso que lle estamos a dar imos situar ao Deza no mapa do mundo da investigación nacional e internacional".

A Deputación de Pontevedra quere converter ao Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, no gran referente a nivel nacional do estudo da cultura castrexa, promovendo o estudo, catalogación e preservación da ampla riqueza castrexa da nosa terra. Nestes momentos, tal e como informou a presidenta provincial, "polos medios técnicos cos que conta e o equipo de profesionais que traballan nas súas instalacións podemos dicir que en España soamente existen tres centros de referencia coas características de Liñares en Sevilla, Barcelona e Murcia".

Por todas estas razóns, Carmela Silva asegurou que "queremos que a xente saiba o que se fai aquí dentro. Queremos fomentar a súa divulgación mediante visitas didácticas na que as persoas que se acheguen ata Liñares poidan coñecer o traballo de investigación e os resultados dos mesmos a través de visualización dos restos xa procesados". De feito, nun ano pasaron polo Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico máis de 120.000 restos e pezas que foron catalogadas e tratadas, algunhas delas expostas no pazo de Liñares como un "askós" de procedencia mediterránea, un peite fabricado en óso, unha espada de bronce ou unha ánfora de procedencia bética.

A presidenta da Deputación asegurou que o obxectivo do Goberno provincial é "poñer estas instalacións de Liñares e os nosos medios ao servizo dos equipos de investigación, institucións e centros de estudo que traballen no eido da investigación histórica, tanto desde a antropoloxía ata a arqueoloxía". Deste xeito, a presidenta provincial anunciou que no vindeiro pleno, o 24 de novembro, vaise aprobar unha ordenanza que regule o acceso aos medios técnicos dos que dispoñemos e as condicións de uso das instalacións do pazo de Liñares. Tamén se aprobará, ese mesmo día, unha carta de servizos a través da cal se van ofrecer formación, difusión, información e documentación; intervención no patrimonio histórico;  investigación e análise; impresión especializada e modelado 3D así como a cesión de equipamentos.

Ademais, Silva tamén informou que no pazo de Liñares se vai impulsar "unha oferta formativa que aproveite o talento existente no noso país e coa cesión de equipamentos para o público especializado". No caso da oferta formativa, a Deputación vai promover a formación práctica de profesionais, investigadores e estudantes de posgrao, nacionais e estranxeiros e cursos de formación específica para o perfeccionamento dos profesionais do patrimonio en diversos contidos e técnicas de xestión, protección, conservación, restauración, e documentación sobre bens arqueolóxicos da Idade de Ferro.

En canto á cesión de equipamentos, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que "o centro dispón de tecnoloxía especializada no tratamento de bens mobles de natureza arqueolóxica que queremos poñer ao servizo de público especializado para contribuír ao mellor coñecemento do patrimonio arqueolóxico da nosa provincia, pero tamén para que a cidadanía poida acceder a uns recursos que son públicos". Máis polo miúdo, a institución provincial aprobará o regulamento da cesión do uso da sala de fotografía, dos binoculares do centro, do adaptador de cámara de foto e vídeo, espazo na cámara frigorífica, a campá extractora de gases no centro, así como o uso de estufas e espazos de almacenaxe.

Carmela Silva puxo en valor que con todas estas iniciativas, "queremos converter a Lalín nun espazo dinámico e de referencia, nun laboratorio de estudo e investigación, pero tamén nunha factoría de proxectos que atraia a investigadores de todas partes, xa que a arqueoloxía é un recurso cultural e turístico de primeira orde na nosa provincia e agardamos, con esta iniciativa, protexelo, conservalo e poñelo en valor dun xeito innovador e sostible".

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou a súa satisfacción e convicción de que "todos estes cambios e innovacións que a Deputación de Pontevedra vai incorporar a Liñares van traer a moita xente a Lalín".