Noticias

O Goberno de Carmela Silva da man de UNICEF para garantir o acceso á saúde da infancia afectada polo terremoto en Indonesia

En total a Deputación de Pontevedra achega 10.000 euros para atender ás familias afectadas polo terremoto e tsunami na illa indonesia de Célebes


10 novembro 2018
Subvención destinada ao Comité de Galicia de UNICEF

O Goberno de Carmela Silva aprobou unha subvención por valor de 10.000 euros destinada ao Comité de Galicia de UNICEF para cooperación internacional e axuda humanitaria. En concreto, a través desta achega a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo colaborar coa organización para garantir a protección e saúde das nenas e dos nenos e das familias afectadas polo terremoto na illa de Célebes, en Indonesia.

Máis polo miúdo, a aportación da Deputación para UNICEF vai na liña das accións humanitarias que a organización está a impulsar para atender á poboación afectada polo terremoto orixinado o 28 de setembro de 2018 en Sulawesi, na illa indonesia de Célebes, que provocou á súa vez un tsunami con graves consecuencias. De feito, o balance xeral eleva a 1.407 as persoas falecidas, máis de 2.555 feridas, 113 persoas desaparecidas e 66.000 casas afectadas que ocasionaron que haxa ata 71.000 persoas desprazadas e outras 330.000 carezan de refuxio axeitado.

Xunto con esta achega de 10.000 euros para axuda humanitaria en Indonesia, a Deputación de Pontevedra destinou xa a UNICEF outros 22.500 euros. A través desta contía a organización desenvolveu un proxecto para distribuír material educativo entre as nenas e nenos de Siria en 2017 e outro programa que permitiu a UNICEF promover o acceso á saúde da infancia siria.

Para a Deputación a loita contra as desigualdades que existen no mundo é un dos principais obxectivos da súa acción. Fronte ao que acontecía co Goberno anterior que destinaba cero euros á cooperación, o Goberno de Carmela Silva está firmemente comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Deste xeito, a institución provincial está integrada, desde a chegada do novo Goberno, no Fondo Galego de Cooperación e colabora activamente con diferentes organizacións para dar pasos que permitan acadar unha sociedade máis decente e xusta.