Noticias

O Goberno de Carmela Silva da luz verde ao novo plan de empregabilidade "O teu primeiro emprego"

A presidenta da Deputación subliñou que "con este programa cumprimos coa nosa palabra de crear un programa que garante moito máis os dereitos da mocidade"


22 febreiro 2019
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno vén de aprobar o Plan de Fomento de Empregabilidade na provincia de Pontevedra. Silva explicou que, como xa anunciara, "o novo plan "O teu primeiro emprego" substitúe ao antigo Plan de Práctica Laboral, convertendo as bolsas que había ata agora por contratos en prácticas" e resaltou que "a Deputación cumpre así coa súa palabra de crear un plan que garanta moito máis os dereitos das mozas e mozos da provincia".

Na súa intervención, Silva explicou que "os obxectivos deste plan de emprego son facilitar a inserción laboral da xuventude da provincia dun xeito activo; apostar por unha estratexia da provincia aliñada co Plan Director do Emprego Digno aprobado polo Goberno do Estado; evitar a fuga de talento xuvenil por falta de oportunidades reais no seu contorno, e colaborar con empresas, corporacións sectoriais e organizacións sen fins de lucro no desenvolvemento económico da nosa provincia". Este plan estruturase en catro programas de actuación: o teu primeiro emprego na Deputación Provincial, o teu primeiro emprego nos concellos (de menos de 50.000 habitantes), o teu primeiro emprego nas empresas, corporacións sectoriais, e o teu primeiro emprego en organizacións sen fins de lucro da provincia.

Silva detallou que "os contratos en prácticas serán subvencionados por un período de seis meses, prorrogables a outros seis" e que "os contratos en prácticas serán subvencionados de maneira que a Deputación aporta o equivalente ao salario mínimo interprofesional, e as entidades colaboradoras deberán complementar a cantidade que sexa necesaria ata acadar os salarios que correspondan segundo a categoría profesional asignada polo convenio colectivo aplicable. Os requisitos para poder acceder a estes contratos son estar en posesión de título universitario ou de formación profesional de grado medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional; non transcorrer mais de cinco anos, ou de sete cando o contrato se celebre cunha persoa con discapacidade, desde a terminación dos estudios; non estar e non haber estado contratados en prácticas pola mesma ou distinta persoa física ou xurídica por tempo superior a un ano, e non ter experiencia laboral previa na titulación, grupos 1 ou 2 para universitarios e grupo 3 para os ciclos superiores.

Para finalizar, a presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que "a selección das persoas beneficiarias deste plan levarase a cabo segundo as bases reguladoras que serán aprobadas nas próximas semanas".