Noticias

O Goberno de Carmela Silva concede subvencións a 25 entidades sociais da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra as violencias machistas

A Deputación incrementa este ano case un 50 % as axudas destinadas a entidades que están a desenvolver programas contra a desigualdade entre mulleres e homes


12 agosto 2018
Subvencións a 25 entidades sociais da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra as violencias machistas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións, por valor de 100.000 euros, a 25 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro de 12 concellos da provincia para a posta en marcha de iniciativas para fomentar a igualdade e loitar contra as violencias machistas. Este ano, o Goberno de Carmela Silva incrementou nun 47 %, é dicir, 32.000 euros máis que con respecto ao 2017, a contía destinada a esta liña de subvencións.

A Deputación de Pontevedra, a través desta iniciativa, está a apoiar ás entidades sociais da provincia para que poidan desenvolver proxectos e actividades de sensibilización; formación e prevención da violencia de xénero; proxectos de atención integral para vítimas de violencia de xénero, fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

En total, beneficiaranse desta liña de subvencións 25 entidades dos concellos de Caldas, Cambados, Cangas, Cuntis, A Guarda, Marín, Mos, Nigrán, Pontevedra, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa que presentaron proxectos a desenvolver ao longo de toda a provincia de Pontevedra.

Estas achegas, por concorrencia competitiva, súmanse ás tamén concedidas hai unhas semanas, por valor doutros 220.000 euros, dirixidas aos concellos da provincia que están a desenvolver proxectos en prol da igualdade e para previr as violencias machistas. Ao respecto, Carmela Silva destacou que "é unha das nosas liñas estratéxicas e obxectivo prioritario o fomento da igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes". Por este motivo, a presidenta da Deputación asegurou sentirse "moi satisfeita de que nun prazo moi curto de tempo teñamos aprobadas achegas, tanto para concellos como para entidades, por valor de 320.000 euros para proxectos e actuacións que teñan por obxectivos acadar a igualdade e eliminar o problema das violencias machistas".

A deste ano, trátase da terceira convocatoria de subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia que están a desenvolver proxectos, programas e actividades para a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas. Neste contexto, a presidenta provincial destacou que "ata que chegamos nós ao Goberno da Deputación non existía nin Servizo de Igualdade, nin políticas de igualdade, nin axudas para entidades que traballan para acadar a igualdade de oportunidades e loitar contra as violencias machistas – destacou Silva-. Desde que as puxemos nós en marcha xa se beneficiaron desta liña de axudas 52 entidades de iniciativa social da provincia de Pontevedra".