Noticias

O Goberno de Carmela Silva completa o 100 % do orzamento que lle corresponde a Cuntis ao abeiro do Plan Concellos 2017

Cuntis recibe este ano do Plan Concellos máis de 530.000 euros, un 6,3 % máis que no ano anterior


16 novembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou por Resolución presidencial unha nova achega ao Concello de Cuntis, no marco do Plan Concellos 2017 dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 50.000 euros para o investimento en obras participativas, e pecha así o 100 % do plan para o municipio deste ano 2017.

Anteriormente a institución provincial xa destinara a Cuntis outros 298.305,29 € na liña 1 para a pavimentación de vías e o acceso á zona deportiva, para o saneamento da Casiña, para melloras na casa de cultura e nas escolas de Sebil e Ermida, para a sinalización vertical nas parroquias de Cuntis, para o acondicionamento do andar baixo dos servizos sociais do concello, para melloras no entorno do cruceiro no Campo Troáns e para a reposición de muro en Sobrada e Camiños. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar a Cuntis outros 66.193,87 € para a feira histórica do Dezaoito, para Habilitas Fogar II, para o mantemento e acondicionamento da Edar de Meira, para o programa Cuntis Deportivo, para o mantemento das cunetas no rural, para a eficiencia enerxética no Espadenal e para a romaría do Cabalo. Ademais, o Goberno de Carmela Silva destinou xa a Cuntis outros 120.338,46 €, da liña 3 do Plan Concellos 2017, para a contratación de 16 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Cuntis xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 100 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 534.837,62 euros.