Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará o xoves preto de 650.000 € para Agolada, Rodeiro e Vila de Cruces

Carlos Font confirmou que a Xunta de Goberno aprobará estas achegas do Plan Concellos, destinadas á mellora de camiños, urbanizacións e abastecemento


10 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo xoves, en Xunta de Goberno, o financiamento para diversas obras nos concellos de Agolada, Rodeiro e Vila de Cruces. As actuacións teñen un importe total de 634.372,25 euros e forman parte dos fondos da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos.

Máis polo miúdo, o Goberno provincial financia con 186.595,34 euros ao Concello de Agolada. En concreto, 66.016,13 euros serán destinados ás actuacións de mellora de infraestruturas básicas no núcleo da Ventosa, onde se vai substituír o solado da beirarrúa mellorando a accesibilidade ás vivendas e, tamén, a carón desta actuación vanse instalar xogos infantís, entre eles un bambán de dúas prazas e un tobogán, situados nunha zona con pavimento de caucho. Por outra banda, vaise financiar con 120.578,91 euros a mellora de camiños nos tramos de Galegos, Aian, Marcelin–Vila Grande, Sesto, Brocos–Bugallal, Baiña–A Martiña, Baiña–San Pedro A Eirexe, Basadre–Santa María, Basadre–Santa María a río Ulla, As Penelas a Avila, Casas Novas a Monte Meixide, Trabancas a Quintin, Trabancas–Aian a O Val, e Buxán. Este ano 2018, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Agolada 879.177,01 euros, o que supón un 73,50 % máis que no exercicio anterior.

No que respecta a Rodeiro, a institución provincial fai unha achega de 313.646,76 euros para financiar a urbanización da praza de Oseira e o seu entorno, a superficie de actuación serán 2.000 metros cadrados e vaise crear un espazo continuo entre beirarrúa e praza en todo o perímetro, utilizando elementos masivos de granito que crean zonas máis abertas. Ademais tamén se farán, entre outras actuacións, plantacións de céspede e especies arbóreas e instalacións de electricidade. A través do vixente Plan Concellos, o Goberno de Carmela Silva destina a Rodeiro 886.332,52 euros, case un 74 % máis que no ano 2017.

Xa por último, a Deputación de Pontevedra aprobará unha partida económica de 134.130,15 euros ao Concello de Vila de Cruces para financiar a rede de abastecemento de auga potable nos lugares de Castrelo e Cima da Aldea (San Mamede de Bodaño), o tramo previsto derivarase desde unha arqueta da rede principal existente e terá unha lonxitude aproximada de 1.379 metros, repartida nun tramo principal e varios ramais. Este ano, a través do Plan Concellos, a institución provincial destina a Vila de Cruces 1.117.984,97 euros, o que supón un 73,49 % máis que no exercicio anterior.