Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará o xoves máis de 270.000 euros para A Lama e Cerdedo-Cotobade

Estas novas achegas do Plan Concellos financiarán unha rede de distribución de auga na Lama e a reforma da Casa do Emigrante en Cerdedo-Cotobade


09 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo xoves en Xunta de Goberno o financiamento para crear unha rede de distribución de auga na Lama e para a mellora e acondicionamento interior da Casa do Emigrante en Cerdedo-Cotobade. As actuacións teñen un importe total de 271.766,66 euros e forman parte dos fondos da liña 1 do Plan Concellos.

Máis polo miúdo, o Goberno provincial financia con 153.671,73 euros ao Concello de Cerdedo-Cotobade para a mellora da cuberta e o acondicionamento interior da planta alta da Casa do Emigrante. As actuacións consistirán na instalación de nova carpintería de aluminio nas fachadas, na renovación do pavimento existente con parqué industrial de eucalipto na parte alta, na instalación de dous aseos e, finalmente, na reparación da cuberta para illala adecuadamente. Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina á Cerdedo-Cotobade, un total de 1.244.234,93 euros, o que supón un 73,92 % máis que no exercicio anterior.

Por outra banda, a institución provincial fai unha achega de 118.094,93 euros ao Concello da Lama para financiar a captación, depósito e rede de distribución de auga de uso doméstico en Borraleiro, Carballeira, Eido Macho e Eido Tendeira e en Barcia de Seixo. As actuacións consistirán na execución dun depósito de 100 metros cúbicos para almacenar auga, así como para crear unha rede de distribución completa, con acometidas domiciliarias, válvulas, arquetas e bocas de rego. Este ano 2018, a través do Plan Concellos, o Goberno de Carmela Silva destina á Lama 814.328,9 euros, un 73,38 % máis que o ano pasado.