Noticias

O Goberno de Carmela silva aprobará o luns a primeira achega do Plan Concellos 2019 para Valga de preto de 400.000 euros

Este investimento da Deputación de Pontevedra servirá para financiar a pavimentación de diversas estradas municipais na vila


23 xaneiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación o próximo luns pola Xunta de Goberno da Deputación do primeiro investimento para Valga con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019. En concreto, serán 363.782,46 € cos que a vila do Salnés poderá financiar a pavimentación de diversas estradas municipais. Este ano a institución provincial pon á disposición de Valga ao través do plan un total de 538.232,16 euros, un 5,54 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, os lugares onde se vai actuar son Campaña, Devesa, Montiño, O Coto, Cedelo, Fontenlo, Cimadevila, Casa de Amil, Tarroeira, Baño, Carballiño, Parafita, Louro-Senín, Castiñeiras, Moldes-Vilarello, Areal-Outeiro, Forno, Casal de Eirigo e Outeiro. As obras contemplan a limpeza e varrida da superficie e cunetas, o pavimentado con mestura bituminosa e o realce e posta da cota de pavimento.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 363.782,46 euros, o Concello de Valga tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 50.590,41 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 123.859,29 euros da Liña 3 de emprego para financiar a contratación de traballadoras/es para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio do 2018.