Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará este xoves o financiamento da rede de saneamento en Valga por máis de medio millón de euros

A importante achega do Plan Concellos beneficiará a Balleas-Socastro, Outeiriño-Baño-Carballiño e Sixto, Chenlo-Puente Valga, Raxoi, Bronllo-Cernadas, Vilar e Cernadas


10 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo xoves en Xunta de Goberno o financiamento ao Concello de Valga para a rede de saneamento na vila, concretamente nos lugares de Balleas-Socastro, Outeiriño-Baño-Carballiño e Sixto, Chenlo-Puente Valga, Raxoi, Bronllo-Cernadas, Vilar e Cernadas (EDAR). As actuacións teñen un importe total de 509.969,17 euros e forman parte dos fondos da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos.

En concreto, vanse realizar as obras para a colocación de colectores para a rede de saneamento, que permitirán a evacuación das augas residuais procedentes das vivendas existentes na actualidade, eliminando os pozos negros e fosas sépticas existentes, e evitando así os posibles focos de contaminación ambiental. Así mesmo, tamén se colocarán novas estacións depuradoras de augas residuais, nos lugares de Cernadas e Raxoi.

Este ano, a través do Plan Concellos, o Goberno provincial destina a Valga un total de 873.751,63 euros, un 74,75 % máis que no ano anterior.