Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará este venres un novo investimento de case 190.000 euros do Plan Concellos para Forcarei

A financiación da Deputación servirá para reforzar o firme nas rúas Progreso e Regueira e a mellora da capa de rodaxe na estrada de Dúas Igrexas a Loureiro


13 febreiro 2019
Plan Concellos

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación, o próximo venres pola Xunta de Goberno, dun novo investimento para Forcarei con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, serán 187.086,65 euros cos que a vila poderá financiar o reforzo de firme nas rúas Progreso e Regueira en Forcarei e a mellora da capa de rodaxe na estrada de Dúas Igrexas a Loureiro. Este ano a institución provincial pon á disposición de Forcarei ao través do Plan Concellos un total de 572.744,35 euros, case un 3 % máis que no 2018.

As actuacións previstas nas rúas Progreso e Regueira consistirán na demolición do pavimento existente a súa posterior reposición. Para mellorar a recollida de augas superficiais, daráselle unha inclinación do 2 % á estrada cara á marxe dereita. En canto ás augas subterráneas, instalarase unha tubaxe de PVC. Tamén se contempla a reposición de sinalización horizontal existente. En canto ás obras en Dúas Igrexas-Loureiro, reforzarase o pavimento mediante a aplicación dunha nova capa de 5 centímetros de espesor.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 397.086,65 euros, o Concello de Forcarei tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 50.940,73 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 124.716,97 euros da Liña 3 de Emprego cos que o Concello pode financiar a contratación de 10 traballadoras e traballadores.

A Deputación pon este ano á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, un 3,3 % máis que no exercicio de 2018.